Falarmos de Otero Pedrayo, do gran don Ramón, esa inmensa fraga mesta de páxinas literarias na que se dan cita a novela, a poesía, o teatro, a oratoria, o evocador, o ensaísta, o epistológrafo, o relato curto, o historiador, o prologuista, o xeógrafo da paisaxe física e humana, o articulista, o autor de libros de viaxe, o memorialista? Trátase dunha fraga literaria con páxinas e páxinas excelsas tanto en galego como en castelán. (En castelán, miñas donas e meus señores, don Ramón debería ocupar un posto moi especial na literatura española do século XX, un posto, ás veces, non menos interesante que os mellores capítulos de Azorín, Unamuno, Eugenio D?Ors ou Gabriel Miró).
Do manancial e do obradoiro literario de don Ramón Otero abrollou unha obra polifacética case oceánica, aínda sen contar cos seus discursos e coas súas conferencias, oratoria impar no seu tempo. Tampouco o magnetófono rexistrou as súas sabias e brillantes conversas nos cafés de Ourense, Madrid e Santiago, conversas que eran, case sempre, monólogos, xénero -o monólogo literario nos faladoiros dos cafés- no que don Ramón foi único.
Pois ben, autor de tantas miles de páxinas (de páxinas éditas) deixounos un legado literario, hoxe na Biblioteca Penzol, no que abundan os textos inéditos (poemas, capítulos memorialísticos, narrativa?). Pero hai máis. Aínda ninguén fixo o inventario dos artigos de prensa publicados, antes e despois de 1936, en Galicia, Madrid, Barcelona, Bos Aires, Caracas?, que son miles. Nese universo existe un capítulo especial, un capítulo de ouro: os artigos publicados, na sección Parladoiro, no xornal vespertino de Santiago La Noche. Iniciou a serie don Ramón en 1946, no ermo aquel: ninguén, na prensa galega, publicaba artigos en idioma galego e, menos, unha sección das características do Parladoiro, onde don Ramón conxugaba a súa inxente cultura coa súa pluma de escritor de raza.
Hai tempo -bastante- que o Centro Ramón Piñeiro (da Xunta de Galicia) recompilou e transcribiu algo máis de setecentos parladoiros correspondentes ao período 1946-1949, o equivalente -precísame X. C. Domínguez Alberte- a unhas mil cen páxinas. Quizais a edición deste corpus en tres ou catro volumes constitúe, para Galaxia, herdeira dos dereitos de don Ramón, un esforzo económico hoxe inasumible. Eu parto da idea de que esta maxistral poliantea só será lida nalgúns estamentos letrados de Galicia: aqueles que non renuncian a esa especie de xornalismo literario que esixe do lector, ademais de sensibilidade literaria, unha non escasa erudición, razón pola cal moitos destes artigos necesitan, hoxe especialmente, notas esclarecedoras de nomes e de acontecementos.
Hai moitos anos, Basilio Losada dixo que, se o castigaban a vivir nunha illa deserta tempo e tempo e podía escoller unha compaña digna de tal nome, escollería, sen dubidalo, os nove volumes doutra gran poliantea galega, o Adral de Filgueira Valverde.
Estou convencido de que estas mil cen páxinas xornalísticas de Otero Pedrayo, dispersas e case inasequibles hoxe, o día que figuren en tres ou catro volumes, debidamente presentados e anotados, constituirán, para os verdadeiros lletraferits (letraferidos), un capítulo da cultura literaria do mundo non menos denso e resplandecente que o de calquera dos grandes ensaístas e articulistas do século XX europeo. Imaxina alguén que Francia non reeditase os mellores ensaios de Montaigne? Imaxina alguén que en Cataluña non se reeditase a tradución da Odisea de Carles Riba? O Parladoiro de Otero Pedrayo, escrito, por outra parte, en anos heroicos, é unha peza moi valiosa dese edificio cultural que chamamos Patrimonio da Humanidade.