De Alxeciras a Istambul

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se por Europa coñecerán o himno ao Mediterráneo que escribiu Serrat e que os españois entoamos coma se nos fose nel a vida, esquecendo as loitas nacionalistas, cada vez que pisamos a Barceloneta. Dou en matinar, de feito, cal é a verdade esvaradía que se agocha no espazo que media entre a canción de Serrat e o acrónimo co que nos bautizaron os financeiros europeos: PIGS (porcos), a pesar de que as estatísticas din que en Portugal, Italia, Grecia e Spain, nos duchamos máis a miúdo ca eles. Cuestións hixiénicas á marxe, o certo é que os países do sur levamos no pecado a penitencia, e sermos o destino vacacional dos noreuropeos ten como consecuencia inmediata a tendencia a vérennos coma criados. A min, que a fin de contas son tan atlántica coma a raíña de Inglaterra, dáme igual, pero supoño que os séculos de dominación me fan solidaria con todos eses que, segundo Serrat, en efecto, son cantores e embusteiros, gustan do xogo e o viño e teñen alma de mariñeiro.

O certo é que estes días, por culpa de Grecia, non son quen de ir alén de valorar se Tsipras é máis guapo ca Varufakis, e só albisco algo de lóxica se volvo ao himno e me repito amargamente esoutros versos de Mediterráneo que agora parecen unha lección de Historia: a forza de desventuras, a túa alma é sombría e escura. Se cadra, é o fado deste Mediterráneo azul ser, desde a Antigüidade, o depósito de luz dunha Europa que tamén libra nel as súas máis terribles batallas. Por sorte, a canción de Serrat, non fala das vítimas que agacha nas súas profundidades, pois daquela e agora é o lugar onde se enfrontaron os ricos mercaderes e, en fin, todos os demais. Nada novo baixo o sol do sur.