Na casa de Rosalía de Castro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mérito dos convocantes e mérito dos convocados. Por iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística e o Padroado Rosalía de Castro, por primeira vez en bastante tempo todas as formacións políticas estaban representadas no acto que pola mañá se celebrou na Alameda de Santiago, ao pé do monumento da poeta, e pola tarde na casa da Matanza en Padrón, un dos espazos simbólicos máis representativos da nosa cultura. Todos xuntos, por riba de diferenzas e etiquetas, arredor da lingua de Galicia: a casa de Rosalía. Voces novas. Rapazas sobre todo. Música e encontro de caras amigas. Unha novidade, certamente, en tempos de desencontros que debemos revisar. Ventiño de esperanza a reivindicar. Oxalá dea os seus froitos, alén de retóricas e de boas intencións que vai sendo hora de converter en accións prácticas. A lingua non é patrimonio de ninguén. A lingua é un tesouro colectivo, activo da nación, que somos todos. Tal era a filosofía, coincidindo co 130 cabodano da autora dos Cantares.

Ao chegar a casa revisei o documental que en 1951 realizaron os galeguistas o 25 de xullo, Día da Patria. Pouca xente coñece esta produción que os interesados poden visionar en YouTube: Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos. Eran tempos bastante máis difíciles que os de agora, se cadra por iso funcionaba con máis pulo o espírito de unidade, quince anos despois do comezo tráxico da guerra civil. O ano anterior, tamén un 25 de xullo, constituírase en Santiago, nos baixos do Hotel Compostela, a Editorial Galaxia. ¿Cómo xurdiu a convocatoria? Un pequeno grupo de persoas, en Vigo, capitaneadas polo oftalmólogo Antón Beiras, botou a andar a iniciativa. E alí estaban todos. Todos os que podían estar. Castelao finara en Buenos Aires un ano antes, e moitos seguían aínda no desterro.

Pedro Dopazo encargouse da realización. Celso Emilio Ferreiro escribiu os textos. Lois Iglesias Fernández, «emprestou os aparellos», segundo se explica na carátula: Alborada. Documentales de Galicia, produción dirixida principalmente «aos galegos irmáns que están lonxe da Terra amada». O documento, recentemente recuperado, resulta moi, emocionante: Otero Pedrayo, o marqués de Figueroa, Xosé Mosquera «O vello dos contos», Domingo García-Sabell, Fermín Penzol e a súa dona Blanca, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Antía Cal, Pura Vázquez, Borobó, Concha Castroviejo, Martínez Risco, dona Gala (a filla de Rosalía), Daniel Calzado (en representación do Centro Galego de Buenos Aires), Paulino Pedret (daquela catedrático de Dereito Canónico na Universidade) e unha chea de mozas e mozos, entre eles un noviño Xosé Manuel Beiras de traxe claro...

Santiago de Compostela, Santa María de Ortoño, Bastabales, as torres de Hermida, Lestrove... Empezaban a recuperar entón a casa da Matanza, un dos esforzos civís máis xenerosos e activos daquela xeración, coa idea de reconstruír as paisaxes rosalianas. Contra os ventos atravesados, o lume aceso que non esmorece. Pode o lector, repito, revisar aquela xornada , que forma parte da crónica de todos nós.