Manuel María

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Este formato das Letras Galegas non é o mellor do mundo. Sempre dicimos que cumpriría non ter que dedicarlle un día á nosa literatura, senón que mellor sería garantir as mil primaveras con 364 días ben dedicados á cultura e, se acaso, deixar un para outros mesteres. Sempre hai algo de certo nos tópicos. Eu, ademais, creo que isto de homenaxear cada ano a un persoeiro, que enriba ten que cumprir o requisito de levar morto un mínimo de dez anos, é o paradigma do conservadorismo que tanto caracteriza a nosa visión colectiva da cultura. Se nos cadra un homenaxeado cuxa obra teña unha mínima capacidade de conexión coa xente nova, esa que dramaticamente abandona o uso da lingua, mel nas filloas. E se non lle cadra, alá vai unha oportunidade perdida, e, enriba, un mes de maio máis considerado tortura educativa. Porque, asumámolo: as Letras Galegas son, ante todo, unha festa do ensino. Velaí un dos nosos fracasos coma cultura: aínda non logramos que sexa unha festa total, unha celebración da cultura e da identidade capaz de transcender o lingüístico e o literario. Quizais a atadura do homenaxeado (case sempre home, case sempre dun tempo outro e dunha obra que resistiu mal o paso do tempo) sexa parte do problema. Pero 2016 é unha oportunidade. Manuel María, que foi un señor en todos os sentidos e un elegante defensor do noso, cedería gustoso a parte de ego que lle tocaría nesta celebración por un pouco de sentimento identitario colectivo. Velaí a súa gran lección: o compromiso absoluto, por riba das persoas, pola cultura galega, sempre na loita e sempre, sobre todo, no sentido crítico que nos mantén vivos.