O estraperlo no resultado electoral

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

09 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedan poucas dúbidas de que a corrupción foi a variable que determinou a nova orientación dos votantes nestas eleccións municipais. Os inquéritos postelectorais e o comportamento dos novos partidos nas negociacións dos pactos ven confirmalo. Non todos os votantes votaron contra a corrupción política pero foron abondos para mudar o panorama político dun modo que non se lembraba. Non foi a economía, foi a corrupción certamente o que determinou o resultado. Pero a corrupción non é o problema en si, non é un asunto descoñecido para unha sociedade madura que sabe que a vida e a historia están preñadas de corrupción. Foi a evidencia da non sanción dos comportamentos corruptos, o descubrimento do seu carácter continuado -sistémico ao cabo- máis a continuidade da rapina aínda no medio dunha crise que leva anos afectando ao corpo social, o que a fixo intolerable. A ausencia de resposta dos varios partidos implicados buscou transferir á sociedade a responsabilidade da corrupción. A coartada non funcionou e o noxo converteuse en votos. Algúns aínda non saben por que.

Unha vella palabra: estraperlo, asociada ao mercado negro e ao contrabando. Moitos saben que o nome procede dun proceso de corrupción e suborno de políticos do Partido Republicano Radical en 1935, que tivo inmediatas consecuencias políticas e ficou na memoria para definir -até hoxe- o comercio ilegal. Strauss, Perle e Lowan pasaron á historia e á memoria porque en canto o asunto se fixo público o presidente da República fixo dimitir a A. Lerroux como primeiro ministro e no prazo dun mes o Congreso dos Deputados, a través dunha comisión parlamentaria, ditaminou sobre unhas actuacións «que non se axustaran á austeridade e á ética que na xestión dos negocios públicos se supoñen». Os partidos implicados depuraron responsabilidades políticas e que se lembre ninguén mencionou a lei ou aos xuíces no asunto. A resultas daquilo convocáronse as eleccións que en febreiro de 1936 gañou a Fronte Popular. Precisamente por isto último algúns pensarán que a referencia está mal traída. Pediríalles que aprendan a entender o pasado da democracia que nos precedeu desprovisto de propaganda e de memorias rotas e faranlle un favor á presente.

Unha nova palabra: tamayazo, fai referencia ao cambio forzado dunha decisión do corpo electoral madrileño no 2003. Ficou sen consecuencias, case unha broma, pero acabou sendo a proba extrema e evidente de como intereses ocultos podían torcer a vontade popular. Coa crise eses intereses e esas formas manifestáronse nunha sangría de casos: Gürtel, Palma Arena, Pokémon, Púnica, Castellón, Valencia e Alacante.... Tirando do fío volvemos a Naseiro... Sobran nomes, todos son casos de estraperlo político. A ausencia de reacción esgotou o sistema político até que deixou de ter significado para un sector da cidadanía, o máis novo, dinámico e con máis gañas de materializar o seu ideal de democracia, moi parecido por certo ao que lles explicaron que tiñan que entender por democracia. Tamén o perdeu para os vellos que nunca esqueceran o estraperlo. En cada momento as sociedades definen canta corrupción aceptan. Rebaixamos o nivel do que era aceptable. É unha boa noticia. Ou non?