Debe ser que eu son moi sinxela, ou que teño poucas ambicións na vida, pero o asunto este da propiedade do Sol, que queren que lles diga... quédame grande. Enorme. Coma se dunha estrela se tratase, nin máis nin menos. Como anécdota, pareceume simpática, a verdade. Hai que ter chispa para que alguén pense en apropiarse do Sol, e ademais, coñecer a estrutura lexislativa para convertelo en realidade.
Ata aí, ben. Os medios fanse eco, a propietaria aparece sorrindo, e todos nos contaxiamos. Pero claro, a cousa vai a máis. Como dona da estrela que nos alumea e dá vida, permitiuse o luxo de vender o seu trofeo en leiriñas pequenas chamadas parcelas, que soa mellor.
Vaia, que a broma xa non era iso, converteuse nun negocio. E como tal, complicouse. Os cartos gustan, pero ás veces traen tamén complicacións. Iso de vender o astro rei non podía ser tan sinxelo... así que non só lle pecharon o portal web onde facía as súas transaccións, senón que ata a denunciaron por danos e prexuízos. Queimaduras de pel, melanomas, problemas nos ollos... Postos a facer negocio, a xente sóbese ao carro, e non crean que a min me parece mal. ¡Tan bo é ter boas ideas como derivar das primitivas outras!
O que eu dicía, que lle era moito mellor algo sinxeliño, e menos ambicioso. Non mercar o Sol, só gozar del á tardiña, ou na praia, incluso devecer por esa raiola entre as nubes... Quen moito pide, ás veces pásase. Eu, caladiña, non vaia ser que por mirar como a estrela se agocha tras o mar me reclame réditos.