Agora que pasou a resaca do domingo, a das primeiras horas, a das declaracións inmediatas, a das comparecencias instantáneas con sorrisos máis ou menos forzados... agora que xa lin artigos de opinión, crónicas, e escoitei a protagonistas directos das eleccións e participantes de debates, analistas... penso que todo tempo é pouco e todas voces necesarias.
Son de escoitar, certo. Opinións varias para facer unha composición de lugar máis axeitada, con miradas plurais.
E despois de todo isto, que?
Penso que hai un cambio grande nos electores. Creo que, por unha vez (aínda que hai de todo, como na vida), por fin, materializamos ese descontento que levamos subido ao lombo desde hai moito tempo. Nese sentido estou contenta. Temos que ser congruentes. Se nos queixamos, actuemos en consecuencia. E en moitos lugares, así se fixo.
A mágoa que sinto é que, desde as altas esferas, non parece mudar moito o panorama. En xeral, as primeiras declaracións dos dirixentes dos distintos partidos parecían ser a mesma para todos (ou case, pois alegreime ben dos poucos casos que fixeron autocrítica). Non só poderiamos intercambiar os discursos dun e doutro partido, é que se chegamos a rescatar o das eleccións anteriores, sería igualmente válido.
Nunca vivín un rebumbio político tal, pero parece que só os cidadáns de a pé nos decatamos. Se queren que volva crer nas figuras políticas, asegúrolles que este segue sen ser o camiño. A labazada levámola os electores hai tempo... cando a sentirán os elixibles?