O horizonte da derivada

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá todo será diferente. En moitas cousas igual. Pero diferente. Para os que confían nun cambio, porque o personal certamente está cabreado, e para os que teñen medo a cambiar, ou interese en que nada cambie. Falo de expectativas e de realidades, que se medirán a partir desta media noite. Moi probablemente, daquela, os voceiros dos partidos intentarán convencernos de que todos gañan, e mesmo poida que teñan algunha razón, tendo en conta que as cousas sempre poderían sair peor. Pero en xeral, agás cataclismos que non se prevén, a partir do luns quen máis quen menos terá que empezar a sentarse consigo mesmo e cos demais (ata agora os adversarios) para ver de compoñer o cesto.

O que demanda o electorado é precisamente isto: a esencia da política, a arte da conciliación de intereses próximos a prol dun horizote común, para o conxunto da cidadania; iso que chamamos pactos e que certas retóricas maximalistas non acaban de entender, porque prefiren acirrar o entusiasmo das parroquias co vello maniqueísmo de branco e negro, bos e malos, etc., coma seareiros nas bancadas dun campo de fútbol, cando a vida amosa decote que a realidade está feita fundamentalmente de gama de grises. O segredo está na administración (e na xestión) da gama de grises. E na definición da derivada, que é o que se dirime hoxe.

En matemáticas (e nas ciencias sociais) chamamos derivada a unha función que, entre outras cousas, serve para medir o cambio, a tendencia dunha curva de movemento que, en circunstancias máis ou menos establecidas e a partir de certas variables, nun momento dado pode virar, afirmarse, acelerar ou desacelerar nunha dirección determinada. A ecuación política volveuse complexa dabondo como para pensar nunha única solución.

E no caso das eleccións locais, que é o que estamos a dilucidar, hai dous ámbitos moi diferenciados: as grandes ou medianas cidades, onde se impón a cultura urbana, e o ámbito rural, no noso caso cuantitativamente significativo, pero onde a personalidade dos candidatos marca poderosamente a decisión de voto. ¿Cara a onde se orienta a derivada urbana? Ao final este é o modelo que acaba impoñéndose, arrastrando a medio prazo o comportamento do pequeno mundo local, polo que é tan importante coñecer a nova ecuación resultante.

Sucedeu despois da espectacular desfeita da UCD e sucedeu no 96 cando a derrota do PSOE. As grandes e medianas cidades marcan o futuro: novos espazos que se abren, novos rostros, novos discursos, novas maneiras de facer política (incluida a política dos seguramente necesarios pactos) que servirá de exemplo ao que veña despois: as xerais de novembro e as futuras autonómicas en Galicia. O fenómeno das europeas, con ser significativo, foi un estoupido, unha labarada, que está por ver como se concreta e se consolida, no caso de que chegue a consolidarse.

En calquera caso, digan o que digan esta noite os candidatos, nada será igual a partir de agora. É o ventiño de esperanza que nos trae a primavera.