As gotas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Inventámonos dificultades onde non as hai e, case sempre, vemos o vaso tan baleiro que só caben nel as gotas mudas da tristeza. O problema non é que o mundo vaia mal e nós vaiamos tras del, golpe a golpe. O único problema é que non estamos á altura do fracaso, que esperamos, que non somos quen de espremer cada segundo. A angustia. Esa pedra que en ocasións vai pendurada a tempo parcial, interino, do teu peito. Algunha vez sentiches ese peso. Eu tamén. Pero debes pensar que pasa. Porque o único problema é non ter esperanza: carecer de visión de futuro. E o futuro existe. E vai ser menos gris do que anuncian algúns pronósticos. O horizonte pode pintarse da cor que ti queiras. Se insistes en que será negro, negro. Pero se tes a coraxe de cambiarlle a mala cor, o horizonte ofrecerá un cen mil sorrisos. Para ti. Abre os brazos e abraza. Que non pase o momento. Porque o problema non é non sentirse querido. O problema real é non querer. Quen ama é quen de traspasar os muros de todas as tristezas. Escoitaches falar moitas veces do poder da suxestión. É real. Cando pensas que non doe, aínda que doa, doerá menos. Cando pensas que as dificultades teñen solución matemática, aínda que non a teñan, algunha luz alumbrará ao teu carón. Porque o problema non é que esteas nunha rúa sen saída. O problema é que estás na encrucillada e non sabes qué dirección escoller. Sempre hai saída. Encontrarás un camiño. Os amigos ou a soidade, a tenrura, as miradas, o sol ou as augas dun río bogando ao ceo do mar. O problema é que todos temos problemas. E ti, tamén. Nacer, en ocasións é un problema. A vida é un problema. Non desesperes. Han de evaporarse. Desaparecerán. As gotas mudas da tristeza.