O fracaso da normalización lingüística

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

19 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A vixencia da política de normalización lingüística parece ter chegado á súa fin nos tempos de hoxe, como tantos outros tótems que levan décadas acompañándonos. Non pasa ren. Como en moitos outros asuntos que alentan o presente a sociedade volveu aparecer por riba (ou por baixo) dos consensos políticos para ben e para mal. Os partidarios acérrimos do galego deberemos darnos conta da mudanza dos tempos se queremos derrotar o meigallo que nos botamos enriba co inquérito do CIS. En 1976, no Colexio Jorge Juan de Xuvia-Narón, nas terras de Transancos que xa chamaban Ferrolterra, algúns estudantes de 2.º de BUP decidimos converternos en monolingües en galego a todos os efectos co permiso dos nosos profesores. Eran tempos de acción social pola normalización lingüística antes de que lográramos as políticas de ídem. O mesmo acontecía polo país todo e alén do Eo e ultraportos.

Despois de varias décadas cumprindo o seu papel e varios anos renxendo, vai sendo hora de decretar a fin da vixencia do que se chamou neste tempo políticas de normalización lingüística. Racharon de vez despois de que na campaña electoral do 2009 a lingua fora convertida en conflito e volvera ser usada como arma política por sectores da ultradereita idiomática, por primeira vez dende o establecemento da autonomía. Por dicilo para que se entenda, a posibilidade de que se abran galescolas ás que poidamos levar ás nosas netas depende da nosa acción como comunidade de falantes e non das políticas dun futuro Goberno. Non poucos xa se deron conta disto e están a retomar o carreiro encetado por Antía Cal en 1961.

Mentres durou, a política de normalización lingüística asentou a expresión social maioritaria da lingua como comunidade de falantes tolerante e dominante á vez no país. Pero sen garantía de uso futuro, polo que vemos. Coa democracia rematou a prohibición política do galego, coa autonomía a súa marxinación social, coas políticas de normalización púxose fin á intolerancia e normalizouse a celebración e promoción social do idioma. Mais o único gran triunfo sen retorno foi filolóxico: normalizar a toponimia. Semella. Esta campaña electoral está a demostrar -non é a primeira, polo que compre ir deixando de disimular- que nin sequera a ritualización do uso do galego na política estaba garantida. Velaí os falares de Feijoo en varias cidades ou dos candidatos populares e socialistas neses e noutros concellos, a campaña duns Ciudadanos que non son Cidadáns como Ciutadans son sempre no seu berce catalán, ou a resaca bilingüe da Marea onde o Eo se fai ría.

Tampouco na escola, pública ou privada, o galego ten futuro normalizado, reducido a un terzo nas trilingües que preparan para a emigración do noso talento e nas outras resistindo como pode, cando o profesorado quere, como naquel Colexio de Xuvia. O galeguismo lingüístico terá que recuperarse no ámbito social e asumir a fin da ilusión normalizadora. A boa nova é que o galeguismo político dá síntomas de empezar a decatarse e non son poucos os candidatos do nacionalismo que como Pilar López, candidata a alcaldesa de Monforte, afirman sobre a saúde do galego que, ademais da Xunta, «tamén somos responsables os cidadáns. Se se fala non se perde».