Corpos miúdos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Gústanme os corpos grandes, porque no seu abrazo arrodéante enteira, collendo na súa aperta todo o teu mundo, o universo propio.

Pero tamén me gustan os miúdos. Os que semellan fráxiles e delicados, e eses aos que lles reborda o ímpeto e a enerxía por cada poro da pel. A eses aos que non lles dan os brazos, pero a cambio, regálanche toda a proximidade do seu corpo. Por veces parece que non nos queren deixar marchar. A calor humana traspásache.

Fóisenos María do Carme Kruckenberg, sen tempo a chegar ao día das nosas letras este ano. Era desas mulleres que desprenden unha enerxía especial, que aínda que teñan un corpo miúdo, sabes que están aí, atraen. Estudou e traballou arreo, autodidacta incansable. Esa curiosidade facíaa medrar. Recordareina sempre co seu cabelo de prata, os seus beizos encarnados, polos que lle saía o pensamento. Palabras que necesitaba deitar fóra. Palabras sempre verdadeiras. Deixábaas ir nun impulso, cargadas de vivencias, paixón, integridade. Kruckenberg sempre foi fiel ás súas ideas, ao seu sentimento... sempre lúcida. De conversa capaz de crear adicción.

Vida intensa... versos para a eternidade.

Despois de todo o camiño que percorreu, podía estar cansada, e tería todo o dereito do mundo a proclamarse descrida. Mais era todo o contrario. Como confesaba na súa A sombra ergueita: «Eu aínda creo / que hai homes capaces / de arrincar / a derradeira semente / do amor / e tremar por ela».

Eu tamén creo, María do Carme, en mulleres grandes e loitadoras coma ti.