Cando se fraguaba a Transición escoitábase por todas as partes a expresión: «Isto é cousa da xente nova», seguindo ás veces doutra complementaria e máis contundente: «Isto xa non é para os vellos». Dicíase nas tabernas, nas cociñas e nas Cortes franquistas. Querían dicir os que así falaban que o mundo que viña, o que estaba por construírse, tiñan que facelo os que non viviran o pasado traumático de guerra e posguerra. Falaban do futuro político pero tamén do tecnolóxico e mesmo do cultural. Sabían que o cambio que se fraguaba, a inevitabilidade das mudanzas políticas que había que acometer e a evidencia das mudanzas sociais e culturais que se experimentaban entón tiñan unha evidente compoñente xeracional. Recordarano os que o viviron se teñen memoria.
O tempo presente é de mudanza pero non é como aquel, nin vimos do mesmo basureiro da historia, nin se camiña cara un futuro tan prometedor como entón. Pero hai unha fasquía común entre aquel tempo e este que son as arelas de cambio xeracional e a evidencia de que novos actores, novos partidos e tamén algunhas novas ideas queren abrirse camiño. Entre as diferenzas non é a menor que aquela frase tan repetida daquela non se escoita hoxe por ningures e por iso parece oportuno evocala. Ao contrario daquel tempo, hoxe bótase man dos vellos líderes que quedan en pe e non foron aínda varridos pola corrupción ou a sospeita, na procura de orientación. Aqueles líderes que cando eran novos fixeron a Transición e que escoitaron e seguiron aquel consello que nunca máis se volveu escoitar en catro décadas.
Nos momentos de mudanza e este parece selo nada aborrece tanto a xente nova como as ideas recibidas. Sábeno os adolescentes de 1975 que hoxe son os guionistas de «Cuéntame como pasó». Nada emociona tanto a unha xeración como construír un presente con futuro sexa a revolución, a transición, o baby-boom ou o Welfare State. Os novos partidos e as mareas cidadáns amosan que ese é o momento que vivimos. Tamén se aprecia nas sondaxes que ese é o anceio dunha importante porcentaxe do electorado. Estamos acabando un tempo que remata por razóns vitais pero a diferenza de hai corenta anos ninguén quere darlle paso aos novos, máis ben ao contrario. Os que piden paso parecen estar máis na esquerda que na dereita, igual que aconteceu hai corenta anos.
Asistimos á fin da ilusión da solución política como única posible -a lóxica da Transición- e ao descubrimento da sociedade e as súas solucións. Asistimos á posible fin do bipartidismo estatal que nega o pacto complexo e o acordo, que arrenega dos gobernos de coalición e basea a democracia en que o que o gaña o leva todo, que se fundamenta nunha idea de estabilidade herdada do principio da consolidación da democracia que guiou os pasos da ruptura pactada. Estamos asistindo tamén -aínda que non o pareza- á fin das disputas eternas da xeración que protagonizou a Transición sobre reforma ou ruptura, reforma rupturista ou ruptura reformista, na que seguen, sen que nos demos conta, moitos dos protagonistas de entón.