Luces curtas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A queixa, debo supoñer que tamén autocrítica, é do candidato do BNG ao concello de Santiago, Rubén Cela, e mais estou seguro de que moitos outros a subscribirán: «A campaña electoral fai que conduzamos case todo o tempo con luces curtas». ¿E cando non estamos en campaña electoral? Certo que no cadoiro de sucesivas convocatorias (locais, autonómicas, xerais, europeas) ás veces resulta difícil respirar, pero a cuestión non é de agora e, na miña opinión, está a afectar moi seriamente ao sistema. Nunha alta porcentaxe de casos a consulta nas urnas convertíuse nunha reválida de contratos, en moitas ocasións contratos profesionais, cando non persoais, que os partidos presentan á cidadanía non tanto para discutir programas, que oxalá, como para reafirmar territorios, espazos de poder, mercados que queren estabilizarse, e nos que os grupos políticos actúan como empresas, oficinas de colocación, coutos cada vez máis pechados (endogámicos), preocupados máis polos seus intereses inmediatos (de estabilidade interna e continuidade) que polos intereses xerais. Todos somos responsables. A cidadanía tamén. Pero os partidos políticos, que son factores fundamentais na democracia representativa, hai tempo que viven instalados nunha dinámica de portas adentro, comprometidos co propio negociado, que cada vez os distancia máis da cidadanía. E este é un feito obxectivo que se detecta no período electoral e alén do período electoral. ¿Cómo presentar nestas condicións un proxecto de transformación ou cambio social a medio ou longo prazo? Moi difícil, por non dicir que imposible.

O partido, e o candidato, viven ao día, necesitan revalidar contrato cada catro anos, ás veces cada menos tempo. Todo o que vaia máis aló é un risco que non están dispostos a asumir. En teoría si. Pero na práctica o que conta é a renovación do contrato. Pensemos na política educativa, por exemplo, que debería esixir acordos estratéxicos deseñados para unha ou dúas xeracións. Pensemos na organización do territorio, con programas que esixen pedagoxía cívica e apostas de futuro, non curtopracistas, para transformar (modernizar) a realidade. Pensemos nas insfraestruturas (físicas e intelectuais), cuxos resultados necesitan tempo de implantación, constancia e estabilidade. Pensemos na política de pactos (tan necesaria), condicionados pola urxencia da seguinte convocatoria? O clientelismo, a política de parroquia, a corrupción (que ten as súas orixes na política opaca de finanzamento non transparente), a cada vez maior irrelevancia dos programas, a falta de renovación de cadros, son en gran medida resultado dunha endogamia cerrada que expulsa do sistema a todo aquel que intenta introducir factores de cambio. ¿Equipos de pensamento? Non existen. Ou están mortos. Porque o que manda, como moi ben di candidato, son as luces curtas, preocupados polo cruce do adversario (o que conduce en dirección contraria), o que non deixa ver nin o horizonte nin a propia estrada na que circulamos.

Cando aparece a árbore, non a vemos, demasiado tarde.