A dereita en división

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A unidade da dereita, que Fraga chamou natural e que PSOE e PCE louvaron como un logro do sistema político da Transición, ten os días contados. Este é outro dos piares do sistema político español conformado en 1982, que tamén está en vías de revisión. Sempre me pareceu anormal esa unidade da dereita española porque é imposible de atopar en ningún outro país europeo e pensando historicamente só pode relacionarse coas herdanzas do franquismo sociolóxico e político. Dito doutro xeito, digamos que o medo á extrema dereita posfranquista converteu en eloxiable aquela unidade que con fasquía democrática logrou Fraga, porque integraba no sistema democrático a sectores moi mal dispostos a aceptalo. Pero o que tiña sentido daquela e foi aceptado como virtude durante corenta anos deixou de telo de súpeto nestes últimos meses.

Sempre pensei que a ruptura do PP viría pola súa dereita. Non fun o único, o medo á reaparición da extrema dereita en España sempre estivo presente conforme noutros países europeos ía rexurdindo o extremismo xenófobo e ultranacionalista. De feito o PP sempre se esmerou en evitar fugas -a última o intento de Vox- relacionadas con cuestións como o terrorismo, o aborto ou o españolismo furibundo. Tanto esmero puxo o PP en evitar a escisión pola súa dereita que minusvalorou a crecente incomodidade do seu electorado e dos seus cadros de centro e de dereita liberal. E non falo, evidentemente, do disfrace de Esperanza Aguirre. O PP no poder reparou tarde, moi tarde, nesta desafección, máis ou menos cando cambiou a Gallardón por Catalá. Os cínicos dirán que todo se debe á corrupción e os seus posibles efectos electorais, pero confundirán o detonante ou o reactivo coa realidade. A irrupción de Ciudadanos, ese novo partido da dereita ao que se están fugando cadros e electores do PP, só ven traer normalidade ao sistema político español que podemos chamar central. Posiblemente outra cousa distinta serán os sistemas das tres nacionalidades históricas, onde sempre houbo outra dereita -Cataluña e País Vasco- ou mesmo outro PP -Galicia-.

Por fin empezará a verse o que xa se sabía, que un sector de votantes e cadros do PP -veremos cantos- convivían mal coa extrema dereita no mesmo partido -tampouco sabemos canta-. Pero sabemos que o alcalde de Lalín (quen sexa) e Esperanza Aguirre son auga e aceite, que os herdeiros de Montero Ríos, Joaquin Satrústegui e os Garrigues Walker pouco teñen que ver con Aznar e Oreja, que os herdeiros do Contubernio de Múnich e os dos que os meteron na cadea ao volver da reunión do movemento europeo en 1962 manexan referentes distintos. O poder é un grande cemento pero nas crises xorden novas posibilidades e estamos en crise económica, política e moral. Hai unha sector da dereita que non acredita na recuperación dos privilexios da Igrexa católica que retrotraen a relación Igrexa-Estado ao século XIX, que non comparten que o único motor da economía sexan o turismo e a construción, que non se conforman co capitalismo de amiguetes produto da privatización das grandes corporacións públicas da autarquía, que queren someter a debate a agochada cuestión da prostitución. A pluralidade só pode ser boa para a democracia.