Un non pode deixar de pensar que entre nós priva a política da desigualdade. Moito se ten escrito, e máis aínda se vai seguir escribindo, sobre se se goberna para favorecer os intereses dos máis ricos con esquecemento dos da sociedade en xeral, ou como os máis pobres se sacrificaron polos máis poderosos.
Non hai dúbida do ledo que estaba Emilio Botín coa política económica do Goberno -coñecidas declaracións súas pouco antes de falecer non deixan dúbidas sobre o ben que lle ía-, por poñer só un exemplo paradigmático. Tampouco deixa dúbidas a prensa en xeral, en especial a que máis depende dos bancos. O botafumeiro funciona en todo o seu esplendor.
Era moi difícil que a sociedade comprendese a proposta -finalmente paralizada hai só uns días- de privatizar o Rexistro Civil e entregarllo aos rexistradores da Propiedade, que non o ían levar mellor nin máis barato, pois máis ben era de esperar todo o contrario. ¿Como a xente non ía pensar que se trataba dunha política de amiguetes se é desa profesión quen encabeza o Goberno?
Menos aínda entenderá a sociedade o tratamento que recibe calquera cidadán ao que Facenda lle descubra a máis insignificante falta co que se lle dispensa aos grandes defraudadores, beneficiarios de aldraxantes amnistías fiscais e trato discriminatorio nos tipos impositivos, sempre en contra do menos poderoso.
E preguntarase de que saída da crise se nos fala co exército de parados que temos e co case tan numeroso de nenos que viven na pobreza. Por moita fe que se teña, a xente sempre terá a convicción moral de que se goberna para os poderosos e que aos demais só se lles persigue, o que levará a que a sociedade se desmoralice e que priven certos extremismos se o ben común se reduce a unha finca privada. É cousa ben sabida, pero da que non se quere falar.