Reivindico a beleza dos feos, o seu alento de primavera, as madréporas caraveis lirios que levan colgados nas ondas do pelo. Reivindico, contra todos os modelos, que non haxa modelos nin paradigmas. A Valle-Inclán, que era feo e católico e sentimental: estranxeiro na súa propia patria. Os feos non existen publicamente, maioritariamente, mediaticamadrileñamente: porque todo o borraron os que mandan e propoñen estéticas. Reivindico a beleza dos feos. Os que non están de moda. E, aínda que pareza un tópico horrísono, sei que o máis lindo está por dentro. Na época da chapa e pintura, da cosmética e da superficie, convén arriar bandeiras no interior do ser humano. Mergullármonos no mar da alma, ese océano que xa non transitan os poetas: ocupados en discutir dogmas e poéticas, escolas, contubernios e outras conxuras (os poetas existen contra os poetas, tristemente). Reivindico a beleza dos feos, porque lonxe da harmonía aparece tamén o talento. A anarquía do Ulises de James Joyce, as escrituras automáticas dos surrealistas (nadadores da nada), a invernía descolocada dos sentimentos de Proust, a contranatura que habita na prosa do mestre Nabokov, a iconoclastia dos que non queren ser iguais repetidos similares. Os que desexan ser outros. Reivindico a beleza dos feos en pugna co reino das imaxes tuneadas retocadas photoshop. A fealdade neste mundo tan arreglado e corrixido parece unha virtude. A fealdade limpa e aseada, recén saída da ducha, é un golpe de mar no rostro. De espuma. Os feos non teñen quen lles escriba poemas de amor, talvez por iso eu escribo esta columna. Que vivan os feos. Tanta guapura, cansa. Digo, mata. Reivindico, gritando, as madréporas caraveis lirios. Feos.