Peros que non valen

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre lles temín aos «peros». Está moi ben, pero... Es moi boa, pero... Quérote moito, pero...

Nunca a frase acaba ben. O pero encargábase de botala a perder, por moi bonita que comezase.

Igual me estou poñendo exquisita e acabo por pedir peras ao limoeiro... pero (e aquí vai o pero que o estraga todo) os discursos políticos, habería que coidalos un chisco.

Leo nun titular de prensa as palabras dunha dirixente política (as siglas danme igual, para o caso, tanto Xan coma Pericán): «Hay que terminar con los políticos corruptos, pero la política hay que defenderla, respetarla y que sirva para el bien común».

Ui! Alarma! Porque ante a corrupción, non hai pero que valga. Hai que rematar cos políticos corruptos. Despois disto, só cabe un punto. Punto e final a poder ser. Iríanos a todos mellor. Ou cando menos, a moitos. Aos corruptos non. Mais estes non merecen deferencia, así que, en xeral, en conxunto, en grupo, en sociedade... sairíamos todos gañando.

Podería dicilo dun xeito máis trivial e sinxelo, sen meterme en leas de dialéctica. O que necesitamos son políticos que miren que facer co país, e obrar dun xeito limpo. Que deixen de criticar ao de enfronte, e atendan a súa casa, e o que vén sendo o mesmo, a casa de todos, que para iso cobran os soldos que cobran. Xa non lles vou pedir máis, tan só iso, tan básico e elemental. Vou deixar as comas, faltas de ortografía e colocación de pronomes para outro momento máis axeitado. Polo de agora, chega, que non é pouco. E sen peros.