Volven ás cátedras

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

11 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1964 os estudantes empezaran un movemento asembleario nas universidades españolas para esixir a liberdade de asociación, que levaría á desaparición do SEU -Sindicato Español Universitario- un ano despois. En febreiro de 1965 a policía disolveu, por orde do reitor, unha asemblea na Complutense, e o día seguinte os universitarios organizaron unha marcha ao reitorado, que contou coa presenza dos catedráticos José Luis Aranguren, Agustín García Calvo e Santiago Montero Díaz. Produciuse un enfrontamento coa policía e os profesores foron detidos. Tierno Galván, catedrático en Salamanca, presentárase en Madrid para apoiar a marcha; os catedráticos José María Valverde, Mariano Aguilar Navarro e Antonio Tovar solidarizáronse cos colegas; e o Goberno tomou medidas severísimas: Aranguren, García Calvo e Tierno foron expulsados da Universidade; os outros suspendidos durante dous anos.

O Consello de Ministros celebrado na Coruña o 30 de xullo de 1976, baixo a presidencia do rei, aprobou, a proposta do ministro de Educación Aurelio Menéndez, revocar a orde administrativa que privara a Aranguren, García Calvo e Tierno Galván das súas cátedras, e o 5 de agosto volvían a elas sen se acoller á Lei de Amnistía.