O factor humano

La Voz VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu pai dicía que o segredo está na mirada. Se a persoa non mira aos ollos, mal asunto. Se che escapa coa vista, seguro que hai un problema dentro, non te fíes. Non sei como miraría Andreas Lubitz, o copiloto da Germanwings que o pasado martes estrelou un avión nas caeiras dos Alpes con 149 vidas inocentes a bordo. Todo fai pensar que o problema estaba dentro. Tampouco sabemos como miraría o mozo que entra de súpeto na escola, armado cun rifle que seica tiñan os pais na casa, e leva por diante unha chea de compañeiros. Nin o individuo que se empoleira nunha azotea e empeza a disparar indiscriminadamente contra os transeúntes. Son casos que aparecen de cando en vez nos xornais. Todos teñen unha historia detrás, que os altera e descompensa emocional e psiquicamente. Todos, por algunha razón non sempre doada de explicar dende a racionalidade, cruzan a raia do límite. Todos, dunha maneira ou doutra, semellan instalados na desesperación, na loucura, nun estado de furia ou vinganza que os revolve de súpeto contra a humanidade. E un dato que se cadra tampouco convén esquecer. Todos son homes, non mulleres.

Cando a partir dos anos 50 do pasado século os científicos empezaron a traballar niso que se deu en denominar «intelixencia artificial»: a capacidade de artellar sistemas tecnolóxicos que aproximasen as máquinas a comportamentos e reaccións propias da mente humana, un dos argumentos da experiencia fundamentábase na posibilidade de automatizar condutas e, dende a programación matemática, poder controlalas. Sistemas de seguridade, como a navegación aérea e outros, desenvolvéronse a partir desas investigacións. Mais o cerebro humano non é unha fórmula matemática. Os labirintos da mente seguen sendo inescrutables, e impredicibles.

¿Que había dentro de Andreas Lubitz cando decidiu cerrarse na cabina e apretar o botón que precipitaría o aparato contra as montañas? ¿Que había detrás do comportamento do adolescente que se presenta na escola e protagoniza a masacre? ¿E no cerebro do ditador que arrastra o seu pobo á loucura (o século XX está cheo de experiencias) ou no fanático suicida que se inmola nun mercado público invocando o nome de Deus todopoderoso?

Cada caso ten detrás a súa historia, e é na historia (no contexto, nas circunstancias, mesmo no modelo de sociedade, nos valores e nos discursos) onde cómpre buscar se non as xustificacións, as explicacións de cada un destes comportamentos. Cun denominador común: a quebra do equilibrio psíquico e da vontade. A mente do ser humano segue a ser o gran misterio, mecanismo prodixioso capaz das conquistas máis sublimes e das actuacións máis aberrantes. Anxos e demos, dicían os clásicos. Mais tamén a vida que nos toca vivir, os valores nos que cremos, as presións que nos condicionan e que nos fan terriblemente fráxiles, vulnerables, como a bolboreta que arrastra o vendaval e se rompe. Algo moi delicado e terrible quebrou dentro dese home. E diante do absurdo, diante do inexplicable (149 vidas inocentes) ficamos noqueados, incapaces de reaccionar.