A petición de amnistía para os presos antifranquistas, que o Parlamento Europeo fixera a Arias Navarro, era na rúa un clamor. O rei e Suárez sabían que a transición á democracia precisaba unha lei de amnistía para a España roxa e para os represores franquistas durante a ditadura, porque a reforma tiña que facerse sobre a reconciliación. Había que convencer aos catro militares do Goberno, garantes do testamento político de Franco: o vicepresidente Fernando de Santiago e os ministros dos exércitos de Terra, Mar e Aire, Álvarez Arenas, Pita da Veiga e Carlos Franco Iribarnegaray.
Fernando Ónega conta como Suárez pareceu encomendar ás Forzas Armadas a redacción do decreto lei, ao pedir aos ministros militares que nomeasen cadanseu xurídico para traballar na elaboración do texto co ministro de Xustiza, Landelino Lavilla. As reunións foron cordialísimas; os xurídicos opinaban, debatían, chegaban a acordos, pero a redacción facíaa o ministro. E o 30 de xullo de 1976 a primeira lei de amnistía permitía saír do cárcere a sindicalistas e membros de partidos ilegais, e o regreso de exiliados como Rafael Alberti, Dolores Ibárruri, Sánchez Albornoz e Jorge Guillén.
O Goberno celebrouna cunha travesía no Azor pola ría da Coruña.