Aínda que pareza imposible. Aínda que non queden de ti nada máis que restos, cinza do ardor que nadaba dentro de ti, lume e brasa. Aínda que a felicidade sexa un asunto do pasado, anda, anímate. Porque se todo remata, pagou a pena. Porque se non remata, haberá tempo para reencantarse e revivirse. Porque hai paraísos aquí: o aire no teu rostro, a xente amada, os abrazos que dás e recibes. Elas, eles, os que te queren. Non sufras. Que quiten a túa dor: mochila de basalto, escura. Que borren e varran as lágrimas. Que delas só quede a cicatriz dun río, tan claro. Anímate. Pasará o malo. E a chuvia deixará de chover. Procura o sol tras as pastosas, engrudo gris, nubes nubes nubes. O sol desaparecido. Búscase. Como un cartel do oeste con rostro infeliz. Anímate. Aínda que o espello delate olleiras, rostro pálido, e un mirar que non é o teu. Anímate. Repite este verbo varias veces, como un conxuro, e ha de producirse a maxia. A maxia de sorrir, dos afectos, da emoción navegando arterias e corazón arriba. Boto de menos as emocións tantas veces. E tantas veces corro tras delas, frenético. E mentres as emocións non aparecen, repítome: anímate. Encontro a máis íntima felicidade nas cousas pequenas: un país, capital Mozart. Chega un momento na vida en que só paga a pena vivir para os outros. Darse. Animar para animarte. Cando che pregunten cómo estás, contesta sempre: ben. Non deas máis explicacións. Ben, estou ben. Cada vez que dis «ben» todos os males se estremecen. Meten o rabo entre as pernas e senten medo. Ti non o teñas. Anímate. Porque no teu ánimo vai parte do ánimo do que máis importa: elas, eles (e ti). Os que te queren. Anímate. Aínda que non queden de ti nada máis que restos.