Estremas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos por costume andar vixiando os marcos das leiras. Aquí sómosche así. Os marcos ás veces móvense... cousas do demo. Na vida, os lindes, as estremas, tamén son moi relativas. Poden chegar a ser tan delicadas que dan medo. Nestes tempos de crise, a presión laboral vólvese máis lasa. Permítense situacións que antes eran impensables. Horas extra que non se reclaman, artimañas que rozan a legalidade... case todo vale, ou case todo nos vale, con tal de contar con nómina ao final de mes. A liña do correcto e o errado non está definida. Hai cousas, pola contra, que son claramente condenables. Robin dos bosques tiña a súa xustificación, pero explotar aos que non teñen nin pan... excede calquera límite da conciencia. Non é cousa dun desalmado, ou demente. É que existía toda unha organización que tiña como obxectivo secuestrar indixentes en institucións benéficas para explotalos. O cebo era a promesa dun traballo, un teito, alimentación. Pensaban que non podían estar peor, pero había quen se podía lucrar da indixencia. Incrible e lamentablemente certo. Hai conciencias, e maldades, que non teñen estremas.