A acosada antipatriota

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Non parecía unha persoa narcisista que metese medo, como se dixo. Supoño que foi pola voz tremente e a mirada fuxidía. Esa foi a sensación que me deu a comandante Zaida Cantera ao ver o programa que aireou o seu calvario no Exército despois de denunciar por acoso e lograr a condena dun superior. O tenente coronel Lezcano, en cambio, lembroume un tempo que cría morto.

A historia, en si, non é distinta doutras; o que a fai particular é que se refira ao sacrosanto Exército español, esa institución sobre a que os civís non falamos. O primeiro que di Zaida sobre o Exército ao entrevistador é: «Non tés nin idea». E, efectivamente, a súa historia amosa que o totalitarismo non fai boas migas coa xente que se alista porque cre que o Exército é unha especie de ONG. Algo diso lle pasou a Zaida Cantera e, imaxino, ás cinco mulleres que, segundo se declarou no xuízo, tamén sufriron acoso sexual. Pero traballan nunha institución que, na práctica, lles impide a denuncia e as considera subordinadas sempre, malia seren oficiais, porque son mulleres. A guinda a todo isto púxoa o ministro de Defensa, que decidiu asumir esa lóxica tan impropia da sociedade civil pero tan útil para o machismo: mancha o bo nome das Forzas Armadas; é antipatriota.

A comandante aprendeu polas bravas que non está nin en Cáritas nin en Médicos sen Fronteiras, senón nun lugar onde os mandos seguen na lóxica protodemocrática de crer que ocultar o malo te fai bo. Por certo, que a condena ao tenente coronel non foi por acoso sexual porque no código penal militar aínda vixente non se contempla este delito.