07 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se soubo daquela, pero os cincuenta líderes mundiais que foron a París o mes pasado para encabezar a manifestación de condena polos asasinatos de Charlie Hebdo non encabezaron máis que unha coreografía para as cámaras. Nin sequera estiveron na manifestación, senón nunha rúa adxacente que a policía pechou só para eles, rodeada de axentes e repasada coidadosamente polas miras telescópicas dos tiradores de elite. A xente que se ve detrás non son manifestantes, senón tan só unha ducia de filas de figurantes, posiblemente membros dos gabinetes dos políticos e funcionarios. Os líderes mundiais estiveron alí tan só uns minutos, o xusto para captar a imaxe que se mostrou nas televisións e xornais do mundo. A outra, a de verdade, só se coñeceu cando o diario británico The Independent publicou unha fotografía tomada desde o alto. Vese aí a fila de mandatarios e un pequeno semicírculo de persoas detrás deles, no medio dunha rúa baleira.

Teño a sensación de que ultimamente vemos a estes líderes moito máis que antes. Non pasan dúas semanas sen que nolos encontremos de novo xuntos nalgún lugar do planeta, sempre simbolizando a firmeza, ou a unidade, ou a preocupación do mundo. Angela Merkel, David Cameron, François Hollande? A maxia do avión privado -que é o cetro, o verdadeiro atributo de poder do monarca moderno- permítelles a taumaturxia de desaparecer dun lugar e aparecer noutro case ao instante. Como lle pasaba a Alicia no conto de Carroll, unhas veces é como xigantes e outras e como ananos. Desaparecen, por exemplo, desa manifestación de París na que se protesta contra o extremismo islámico e a persecución dos xornalistas, e aparecen case decontado no funeral do rei de Arabia Saudita, o país que é precisamente o berce dese extremismo islámico e decapita en público aos condenados por apostasía. Facer dixerible esta narrativa sen sentido é o traballo dos equipos de prensa, e neste caso houbo que inventar a historia de que a primeira dama norteamericana desafiara aos anfitrións sauditas ao non cubrir a cabeza cun pano -non houbo tal desafío: ningunha primeira dama nin embaixadora norteamericana cobre nunca a cabeza nestes casos; os sauditas, o mesmo que os seus hóspedes, saben facer excepcións cando lles convén.

Cando se acaban coñecendo estas cousas, a xente quéixase da hipocrisía dos seus líderes. Poucos pensan que a realidade puidese ser xustamente a contraria: que todas esas incoherencias, esas disonancias e charadas non son unha farsa, senón unha lóxica, e que o mundo das relacións internacionais, do poder e da decisión política, son así: unha ambigüidade moral, un caos de obxectivos contraditorios.

De feito, se un presta atención aos detalles, non hai nada máis sincero que un espectáculo creado en principio para finxir. Pode que a manifestación de París contra o terrorismo pode que fose emocionante, pero o verdadeiramente instrutivo foi a oportunidade de ver aos líderes mundiais competindo por un lugar na primeira fila. Se un mira as imaxes sen escoitar, o comentario pode distinguir ao primeiro ministro israelí Netanyahu finxindo conversar co presidente de Malí ata que se coloca nun primeiro plano e deixa de facerlle caso, e ao ex presidente francés Sarkozy abríndose paso cos cóbados para poñerse diante dos outros, como tantas veces na súa carreira política. Todos miran á cámara, que é como se nos mirasen a nós. Un instante, e axiña cada quen marcha polo seu lado, correndo para chegar por distintos camiños á próxima cita.