Unha boa parte da débeda grega é ilexítima, razón pola que Syriza quere renegociala. Grecia sucumbiu aos cantos de serea alemáns e franceses, que a convenceron de que se preparase para unha posible invasión turca e lles comprase armas moi sofisticadas. E Grecia mercounas. E tenas sen pagar. O negocio foi concertado entre funcionarios vendedores e compradores, pero págano os cidadáns, afogados por unha austeridade criminal. Por suposto que o caso non é exclusivo de Grecia, senón que máis ben está dentro da operativa que adoitan os vendedores de armas. Como escribiu Frank Slijper, ata oito acordos de compra de armamento asinados polo Goberno grego, dende fins de 1990, están sendo investigados polas autoridades xudiciais, por posibles subornos e comisións ilegais a funcionarios e políticos gregos. A un gustaríalle saber que clase de extremismo hai en renegociar unha débeda tan ilexítima. Pero, como ben nos ensina o profesor Vicenç Navarro, para certos medios e centros de opinión unha política socialdemócrata, tan semellante á dos países nórdicos, como é a de Syriza, é extremista, nunca a que colocou á cidadanía en situacións extremas de privacións, miseria e desespero. A prensa que serve a eses grupos de intereses, contrarios aos da cidadáns, é a máis combativa con Syriza, como o é xa con Podemos, antes de se presentar ás eleccións. Claro que o ten moi negro Syriza: son moi fortes os intereses que están en xogo, como o acreditan os avisos, pullas e coaccións que, veñan ao caso ou non, lles dirixen as autoridades europeas. Pero teñen demostrado que son políticos que non falan por pantallas de plasma, senón que saben dialogar. É moita a esperanza que os gregos teñen en que eses intereses non afoguen tamén aos seus novos políticos.