Os fillos do volcán

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Hai unhas semanas, en México, voaba eu sobre o eixo volcánico, que é como ir dando un repaso á furia da terra. Abaixo, nas primeiras luces do día, os volcáns parecían xigantescos formigueiros, algúns deles negros de basalto, outros grises claro de cinza, outros da cor crema, punteando a paisaxe mexicana de papel de farrapo. O «Popo», o Popocateptl, co rostro setentrional marcado con cinza como un oferente e manchado de lava polo leste; o Jocotitlán, coa súa característica forma de ferradura; o Paricutín, o volcán máis novo do mundo, que naceu un 20 de febreiro de 1943; o Nevado de Toluca e o seu cráter apagado e inundado de auga verde e azul. Busquei especialmente o volcán de Colima, pero non estou seguro de se o vin ou imaxinei que o vira, porque a miña referencia non era unha imaxe senón unha pasaxe literaria. É na aba dese volcán, na vila de Comala, onde sitúa Juan Rulfo a súa novela Pedro Páramo; «sobre las brasas de la tierra, en la mera boca del infierno», como di un personaxe do libro. A sombra do volcán, aínda que non explícita, é a silenciosa clave da épica da desolación que é Pedro Páramo. Sucede o mesmo no Baixo o volcán de Malcolm Lowry. Na literatura e na arte de México, o volcán está sempre nun segundo plano, aí no fondo, como nas augatintas xaponesas, como metáfora do poderoso e do transcendente.

Non estou certo, digo, de se vin o volcán de Colima daquela, pero certamente o vin, como todo o mundo, esta semana, nas impresionantes imaxes da súa erupción. O volcán máis activo de México parece que espertou e non está particularmente contento. As brasas da terra, efectivamente, parecían saír da boca do inferno. Pero nos informativos, esas imaxes da ira da entrañas da terra mesturábase coas imaxes doutra ira, a dos pais dos corenta e tres estudantes esquerdistas secuestrados o ano pasado. Xa pasaron catro meses e seguen sen aparecer. Todo o mundo sabe no fondo que con case total seguridade están mortos, pero negarse a aceptalo é a única forma de protesta que lles queda aos familiares. Tamén na Comala de ficción de Rulfo os defuntos aos que se lles fixera unha inxustiza negábanse a morrer de todo e murmuraban a súa desgraza nos corredores ou volvían para contar a súa historia. Logo esas historias ían descubrindo outras inxustizas, como quen tira dunha cereixa e arrastra outra.

Tamén neste drama dos estudantes normalistas pasa que non aparecen os corenta e tres pero, a medida que os buscan, van saíndo á luz outros corpos, outros asasinados, outras tumbas escondidas, outras historias. É un xogo cruel. Primeiro pénsase que son eles pero logo, analizados os restos, resulta que non son. Os poetas gregos dicían que á terra lle gusta pesar sobre os corpos dos heroes, pero o certo é que tamén ten certa tendencia a pesar sobre os das vítimas. O crime, como a ira, está baixo a superficie pero non moi fondo. Desenterralo é como abrir unha fisura nun volcán polo que ascende o gas tóxico e a lava, como lle sucede ao de Colima. E quen sabe se non hai unha relación entre as dúas cousas. Unha antiga lenda da zona di que o volcán Colima é un antigo rei transfigurado, e que ruxe cada vez que algún dos seus descendentes sufre unha inxustiza. Quizais os estudantes desaparecidos sexan, pois, fillos do volcán, igual que os habitantes de Comala na novela de Rulfo resultaban ser todos fillos de Pedro Páramo. Quizais, como o volcán de Colima, tamén esperen nas entrañas da terra o momento de saír á superficie e sacudir cun tremor de terra un país fermoso pero necesitado de máis piedade e xustiza.