O camión do alcalde

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

18 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Contan que, hai xa moitos anos, nos tempos da ditadura, a corporación municipal dunha grande cidade galega decidiu mercar un camión cisterna para o servizo municipal de bombeiros. Como resultase que o seu prezo era excesivo para o raquítico orzamento local, e dado que o alcalde tiña unha certa formación en materia de debuxo técnico, decidiuse que fose el mesmo quen deseñase o vehículo e que o montasen os operarios da plantilla municipal, o que conlevou un considerable aforro para a facenda do concello. Unha vez rematada a soldadura dunha enorme cisterna ao chasis do vehículo conforme ás instrucións da primeira autoridade local, os bombeiros que por vez primeira a enchían comprobaron abraiados que cando a auga chegaba a pouco máis da metade da cisterna, o camión comezaba a erguerse sobre as súas rodas traseiras, e ameazaba con envorcar. Contan que o camión, coa cisterna sempre a medias e circulando moi a xeito, prestou os seus servizos durante certo tempo, ata que outra corporación, mellor dotada financeiramente e máis sensata, optou por substituílo por un verdadeiro camión de bombeiros producido por un fabricante especializado.

O que contan, que se non é vero é ben trovato, ilustra á perfección un dilema que afecta ás grandes organizacións que producen bens e servizos, mesmo con independencia de que sexan públicas ou privadas; un dilema que é ben coñecido na ciencia económica desde que o plantexara o británico e Premio Nobel de Economía (1991) Ronald Coase no seu artigo The nature of the firm (de 1937, un texto que figura en varios estudos como o máis citado de toda a historia da ciencia económica). O dilema relativo a se resulta máis eficiente producir integrando nunha única empresa todos os factores de produción necesarios para elaborar un ben ou prestar un servizo; ou, pola contra, resulta máis eficiente contratar eses factores de produción no mercado. Un dilema cuxa solución depende de moitas circunstancias, entre as que se contan, como sinalara Coase no seu día, os custos de organización (que tenden a crecer conforme a empresa é máis grande), ou os custos de transacción (que inclúen a procura de información no mercado, a negociación dos prezos, ou a litigación cando hai incumprimentos). E, por suposto, conforme avanzan a especialización tecnolóxica e produtiva e a apertura dos mercados, a resolución do dilema tamén depende decisivamente da existencia de economías de escada na producción (é dicir: do feito de que canta máis cantidade dun ben ou servizo se produce, o prezo de cada ben ou produto indiviual se reduce).

Circunstancias que nas últimas décadas teñen influído no cambio da organización da produción de bens e servizos de mercado, como se pode comprobar sen saír de Galicia: o grupo PSA-Citröen, que no pasado fabricaba por si mesma todos os compoñentes dos automóbiles que vendía, hai xa moito que merca a outros produtores unha significativa parte deles, desde os neumáticos aos reloxos (o que permitiu desenvolver no entorno de Vigo un puxante e competitivo clúster do sector). Cambios na organización da produción que conlevan mellores produtos, e a menor prezo; ou, o que é mesmo: melloras no benestar xeral.

E o que é constatable no ámbito do mercado, o é tamén no ámbito do sector público. Administracións de todos os niveis téñense transformado ao longo do tempo para mellorar a prestación dos servizos públicos mediante o recurso a proveedores externos especializados. Trátese de aparellos para realizar tratamentos de braquiterapia, radioterapia ou mediciña nuclear (como os que a Xunta vai licitar en breve para os hospitais públicos de Vigo e Lugo) ou do suministro de auga potable polos concellos. Ámbitos nos que a titularidade e control público é indiscutible; pero nos que a forma de prestación si é, ideoloxías á marxe, variable en función da eficiencia. Como demostra unha simple ollada ás facturas que vostede paga polos distintos servizos públicos con independencia da cor política do Goberno que llos presta. E por moito que algúns, cando cuestionan estas fórmulas de produción e prestación de bens e servizos públicos, parezan erguerse, como o camión daquel alcalde franquista, sobre as rodas traseiras e ameacen con que todo vai envorcar.