Dúas varas de medir

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

C oinciden estes días na prensa dúas noticias sobre sentenzas xudiciais que poden cualificarse de sorprendentes para o cidadán que cree vivir nun país democrático onde a xustiza é igual para todos. Unha é que a Fiscalía do Supremo non ve delito de malversación de caudais públicos nas 16 viaxes que o señor Monago fixo a Canarias -ida e volta- con cargo ao Senado, xa que considera que os senadores están autorizados a circular libremente, sen que se lles esixa comunicación ou xustificación algunha nin vinculación das viaxes con actividades oficiais. Ou sexa, que é legal, aínda que sexa inxusto.

A outra refírese a unha moza de 29 anos, nai dunha nena de tres anos e dun bebé de meses, que traballa limpando pisos e que hai cinco anos, enferma de anorexia e bulimia, utilizou unhas tarxetas de crédito encontradas para conseguir comida. Condenada por delitos de falsificación e estafa, conmutóuselle a pena, pagou as indemnizacións, pero, mal aconsellada polo seu avogado, non pagou unha multa de 1.400 euros, pola que agora debe ingresar en prisión. Hai un indulto en marcha, pero o xulgado denegou a suspensión preventiva da pena polo «descrédito existente na sociedade ante o outorgamento dos indultos a penados». Se a Xustiza quere recuperar o crédito perdido, mellor faría levando a prisión aos grandes ladróns, corruptos e defraudadores. Ten moito onde escoller en España.