As voces libres

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

10 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Debería ter medo ao escribir artigos coma este? Se cadra, un día uns encarapuchados armados con cadanseus Kalashnikovs agardan por min á porta da casa para obrigarme a escribir o que eles me digan. Se cadra, debería ter medo de ter que escribir para sempre co alento dos asasinos na caluga. Eu tamén morrería, e veríades o meu sangue correr polos sumidoiros do soño europeo que nós mesmos matamos pouco a pouco.

Morrería, non porque me importe o tamaño dos soños dos demais ou a necesidade da xente de andar impoñendo as súas ideas. Non porque teña eu esa tendencia tan estendida de pensar que hai uns deuses mellores ca outros, coma se os deuses, en realidade, non axudasen a vivir a aqueles que cren neles. Senón porque prefiro morrer con voz antes de vivir enmudecida.

Coma os debuxantes do Charlie Hebdo, eu tamén sei que a liberdade non é unha relixión con boa prensa. Debe de ser que non se trata dun regalo dos deuses, tan pequenos perante esas accións noxentas, que avergoñan a Alá, Xaveh, Deus, que nos escritos dos seus profetas sempre condenan a aqueles que asasinan, especialmente se os mortos son seres da súa Creación capaces de crear arte, beleza e, sobre todo, intelixencia. Pero a intelixencia aínda ten peor prensa cá liberdade. Non esquezades que quen vivimos da forza da nosa voz libre, somos tamén a miúdo o megáfono das vosas voces oprimidas. Por cada escritor, debuxante ou xornalista que vós matedes, a nosa liberdade será vinte veces máis forte. Así que, matádenos, que, se algo sabemos, é volver nacer.