Despois da festa das doce uvas, do día festivo, da resaca, da música, dos bicos, dos bos desexos que repartimos en mirar moito sequera a quen llos damos, porque todos nos merecen un feliz aninovo... chegou o día 2, a normalidade. Para algúns, xa o día 1, coma aquela velliña que vin, a primeira hora da tarde, coidando das ovellas, coma se o primeiro de ano fose, sen máis, un día calquera. Ou sexa, a realidade.
Para moitos, esa vida cotiá tarda en chegar, ata o segundo de xaneiro, pero acaba por chegar, máis cedo ca tarde. E cando chega... ¿en que se diferenza este acabado de estrear 2015 do ano finado que o precedeu?
En nada. Continuamos a ver e escoitar as mesmas novas resesas do ano pasado. De feito, comezamos cos mesmos casos de corrupción, que se estenden dun ano a outro. Os mesmos, pero máis millóns defraudados aínda. Así, moita confianza nestes 365 días a estrear non podemos ter. ¡E iso que vén de ser declarado o ano internacional da luz pola Unesco!
Oxalá esa luz sexa tan conciliadora para a sociedade coma a destes días de inverno, nos que daba xenio mirar o ceo, limpo e claro, azul celeste, con esa luminosidade fría dos fermosos días de inverno.
O ano depende de nós. De todos nós. Dos dirixentes e dirixidos. E a min fáltame luz, claridade... en definitiva, fáltanme as cousas claras.
Quedan moitos días por diante. Pero a conta atrás xa comezou, e polo de agora, este ano non se diferenza en moito do anterior. E se lles son sincera, non creo que teñamos tempo que perder.