A costa de xaneiro

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

05 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2015 as pensións subirán un 0,25 %. A cifra tráeme á cabeza o 26 % de suba de soldo que se aplicaron directivos de Caixa Madrid, pero mellor non se amargar inútilmente. Eu fixen a conta, e vou gañar 5,10 € máis; pouco é, pero mellor que a conxelación. Leo que os traballadores galegos, coa reforma fiscal, van gañar 24 € máis ao mes; tampouco é para botar foguetes, sobre todo tendo en conta que na declaración de 2016 se lles vai ir case toda a ganancia, pero xa da para celebralo cunha comida. Polo meu barrio, zona Norte de Madrid, de medio pelo, unha parella pode comer por 24 €, unha comida caseira, con pratos de culler e bos guisos ou callos ou costeletas de porco, pan, viño e postre. Sen luxos, pero ben cociñado. Comentaba hai pouco Fernando Ónega a opinión dun empregado de banco de que se estaba a mover máis diñeiro e que o ambiente volvía ser o de antes. Eu, a verdade, tanto non diría. Antes polo meu barrio, por estas datas, víase tanto abrigo de visón e tanto coche de alta gama que isto parecía Manhatan. Pero é certo que de novo nos bares de Bravo Murillo, que é unha rúa moi popular, vese moita xente tomando un aperitivo en mesas ao sol.

Está realmente animado. Eu tomei no mostrador, unha cana e un pincho de tortilla de pataca moi bo e un mexillón en escabeche, por 2,50 €. E quédanme aínda 2,60 para seguir subindo a costa de xaneiro.

Que sexa con saúde, é o meu desexo para todos vostedes.