O Partido Carlista de don Carlos Hugo de Borbón Parma evolucionara politicamente ata converter a subida anual a Montejurra nun acto de oposición ao franquismo. Sectores ultradereitistas do carlismo acordaron recuperar o tradicionalismo en torno ao seu irmán menor, don Sixto, na chamada Operación Reconquista, coa participación de Guerrilleiros de Cristo Rei e membros da Internacional Feixista Italiana e da Tripla A arxentina. Pero o xeneral Sáenz de Santamaría revelaría, anos despois, que o Goberno deu o visto bo ao complot organizado polos servizos de intelixencia do Estado e destacadas personalidades do réxime.
Debeu de ser así porque Fraga marchou de viaxe e Areilza comunicou ao embaixador de Holanda que o Goberno non respondería da seguridade de Carlos Hugo e a súa dona, a princesa Irene, se asistían ao acto. No seu Diario nada di daquel suceso, no que foron asasinados dous partidarios de Carlos Hugo e feridos de bala máis de cen.
Os detidos, Martín García Verde, Arturo Márquez de Prado e Francisco Carreras, quedaron en liberdade provisional aos sete meses, en atención, segundo o TOP, «a su bondad personal, excelente conducta y hombría de bien». Logo, beneficiáronse da amnistía de 1977.