Parábola da maratón


Imaxinemos unha carreira de fondo. Dous corredores. As mesmas regras, as mesmas condicións climáticas para os dous, o mesmo día e a mesma hora de competición, o mesmo itinerario? Pero un deles leva anos de práctica, dotacións de todo tipo: os mellores adestradores, a mellor alimentación, especialistas médicos, instalacións deportivas, máquinas de musculación, bolsas de financiamento? Por non falar da tradición familiar: séculos de exercicio competindo. O outro acaba de chegar. Non trae nada consigo máis ca moitos azos, a memoria dos seus, bastante fame atrasada e a experiencia de alancar polas veigas e as pistas de macadán (os vellos dicían «matacán»). Pero levan os dous as mesmas zapatillas e a mesma roupa. Déronlles ben de comer, mesmo ao segundo algunhas vitaminas complementarias para a ocasión; póñennos na pista, un ao carón do outro, e o presidente ou árbitro, antes de empezar, advirte que as regras son iguais para todos. Corenta e dous quilómetros. Unha maratón.

Non me vén á cabeza mellor imaxe para describir as circunstancias do galego comparado co castelán no contexto que estes días estamos a comentar. E alédame o debate, polo que significa de toma de consciencia, argumentación e posicionamento das partes, todas elas constitutivas da realidade da Galicia plural. A lingua somos todos e pertence a todos, mesmo aos que non a falan, na medida en que é un patrimonio común.

O resultado da carreira é previsible. Ás veces ocorren milagres. Certo. Ou accidentes. Pero o normal é que o corredor máis dotado, mellor preparado, mellor alimentado e mellor adestrado durante anos (séculos neste caso) gañe a competición. E o público nas bancadas, que non xoga a perdedor, ponse instintivamente do lado de quen gaña, ou de quen el sabe que vai gañar. Dicir que ambos os dous atletas corren en igualdade de condicións é unha falacia. Pretender que o público se poña do lado do que sabe que vai detrás e que vai perder, porque durante séculos (repito) foi así e así nos explicaron que tiña que ser, é unha inxenuidade.

A única estratexia posible para construír un marco de equilibrio xusto é seguir dotando de recursos a parte máis débil, neste caso a lingua galega: o atleta das veigas e as pistas de terra. E facelo con constancia, planeamento estratéxico (non a curto prazo) e coherencia. Planeamento estratéxico, porque non se tata de encher o atleta de cocidos en sete semanas para ver se así recupera o que leva descompensado xeracións. Se aplicamos un tratamento deste tipo a un corpo subalimentado o único que conseguimos é rebentalo por dentro, ou mesmo que acabe odiando a alimentación. Constancia, porque no ADN histórico dos galegos hai eivas que veñen de moi atrás e que non se solucionan con remedios milagreiros en catro días. Coherencia, porque non se pode dicir unha cousa a facer na práctica a contraria. A sociedade (o corpo social) mírase decote no espello dos seus dirixentes (políticos e civís), que son os referentes de futuro. Eles (nós) somos os responsables.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos
Tags

Parábola da maratón