Moi mala cousa para a política -e xa non digamos para a cultura- que sempre comuniquemos unha imaxe de alporizamento, de pancadas na mesa, de agres maneiras. A algúns parécelles que para ser progresista hai que ter maneiras dun radicalismo que, lonxe de ir á raíz das cousas, só se queda na codia ou no xesto.
Ese suposto radicalismo lévanos dereitos ao sectarismo e ao dogma, como adoita ocorrer, sectarismo que embaza a realidade mesma, que impide vela na súa plenitude ou que, sinxelamente, a nega. Un suposto típico e recente é o caso Filgueira Valverde, se ben concorren nel outras circunstancias, como a ignorancia e a incultura de políticos que a un lle dá medo pensar que un día poidan ter poder. Para eles existe o que convén; o que non convén non existe porque se nega. A fe é cega.
O grave do caso é que estas actitudes, en política, lévannos ao gueto, o peor que lle podería pasar á política galega; e en cultura, á barbarie. Nos dous casos a orixe primeira está na inmensa incultura que a nosa sociedade padece, na alarmante ignorancia que se ten do propio país e na frivolidade que os políticos nos adoitan transmitir.
Un coidaba que a queima de bruxas eran só lembranzas de tempos recuados, pero é visto que tamén se dá no século XXI. Para algúns, a Ilustración aínda está por chegar. Ese é o progresismo e o radicalismo que moitos predican e quixeran impoñer aos demais.
Mala cousa se non rectificamos e non incorporamos á nosa mente unha idea tan sinxela como obvia: que se queremos que Galicia sexa un país normal e non un gueto, teremos que acostumarnos a contar con demócratas de calquera signo ideolóxico traballando no mesmo tallo a prol do país. Mala cousa se non se chega a isto. Porque estaríamos nun gueto, non nun país.