De charanga e pandeireta

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

08 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

E iso que Machado non escribiu o poema El mañana efímero pensando nesta España na que un día nos erguemos cun presidente dunha Deputación esposado por parecer o Al Capone das comisións urbanísticas, e nos deitamos coas amigas folclóricas da Pantoja discutindo, cargadas de palabros grandilocuentes aprendidas na tradición da copla, se ten que ir ao cárcere por axudarlle a branquear millóns a un señor que foi votado para alcalde dunha vila rica, niño de pandereteiros que, de certo, converteron o mañá efémero de Machado nun triste día que ficou para definir esta España triste «que bosteza».

Volvamos á pobre da Pantoja. Ela, que fixo todo para cantar de amor, coma La Piconera, aduce que o amor a volveu parva. Por iso non entende agora por que o xuíz di que precisamente ela merece unha pena exemplar neste país de charanga, no que en lugar de coplas remataremos cantando narcocorridos. Supoño que a Pantoja en prisión non se porá digna a lo Cecilia (Mi querida España), e xamais entenderá que, por unha vez, a Xustiza albiscou de que ía este asunto: durante todo o século XX a Xustiza foi esa cousa que, de tanto dicir que era un poder separado, acabou por crerse distinta desta España que admira a Pantoja por tonadillera namorada. É mágoa que os alcaldes detidos non dixesen que todo o fixeron por amor. Polo menos, poderíamos pecharlle a boca a Machado con algún soneto de Petrarca, que todo o cura. Mesmo esta sensación de que, a diferenza de 1913, a España de charanga e pandeireta xa logrou ser España enteira porque a Xustiza chegou tarde e mal.