Podemos pode que poida

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

27 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Non lle tiña prestado moita atención ao fenómeno Podemos. Pero hai uns días asistín cun certo desconcerto a un inquérito que ao seu líder lle facían diversos xornalistas, algúns deles coa clara intención de deixalo descolocado, cando non fóra de xogo. Estivo sempre a moita altura e case sempre brillante. E convincente.

Non me imaxino a ningún dos outros líderes coñecidos mantendo un pulso con Iglesias: uns por seren planos e incapaces de dicir nada fóra do que lle escriban, outros porque non demostran un nivel cultural semellante e algúns outros porque carecen de atractivo persoal ou só transmiten frivolidade. Tamén os hai moi fotoxénicos, o que parece ser o seu mérito principal, pero das súas ideas pouco ou nada sabemos.

Non sei se Iglesias pode ser un bo político ou non. Iso saberémolo cando se vexa na obriga de adoptar decisións importantes. Pero non hai dúbida de que é home preparado, con ideas moi claras, que transmite coherencia e seguridade. Ademais de sereno, educado -cousa que tanto se bota de menos- e cun certo sentido do humor, algo que se agradece.

A súa linguaxe nada ten que ver coa que se adoita e que tanto aburrimento orixina. Nada máis lóxico que a sociedade, en xeral, vexa nel algo novo e co que se identifica. Ao mellor no só por méritos do propio Iglesias senón pola vulgaridade, frivolidade e pouca respectabilidade que os políticos nos merecen.

Por iso que o seu discurso alporice á «casta» é o máis natural. O que xa non o é tanto é a xenreira, e mesmo noxo, que as súas denuncias orixinan. Son moitos os intereses en xogo e algúns seguro que pensan que Iglesias pode suprimilos ou modificalos. Isto explicaría o pouco político recibimento que a casta lle ten dispensado. E que lle vai seguir dispensando.