Mar Maior

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

24 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Desembarcou en Madrid o mércores unha nave de cultura galega chamada Mar Maior. Non se trata de parvo cosmopaletismo, senón dun proxecto editorial que pretende espallar cultura galega e navegar creativamente un mundo de fronteiras líquidas, demostrando que a nosa literatura é exportable e vendible alén do Telón de Grelos.

O selo Mar Maior, fillo dese Ministerio de Cultura que é Galaxia, nace desde a procura do potencial inmenso que son as comunidades galegas no exterior. Os libros que inician o seu catálogo, efectivamente, van nesa liña que toca a nostalxia dos que, de certo, gardan unha relación emocional con Galicia, pero tamén os hai que demostran que a literatura galega é unha máis, capaz de conectar coas preocupacións e sensacións de calquera, coma calquera outra literatura, coma calquera arte de calquera lugar. Como escritora, o que máis me gusta de Mar Maior é esa forma desacomplexada de ollar o que somos e como nos expresamos: é a lóxica optimización empresarial do potencial tradutor dun país bilingüe e é tamén a rendibilización como retorno produtivo dese trauma nacional que foi a emigración. A alguén se lle tiña que ocorrer deixar de chorar e aproveitar positivamente, máis alá da procura de votos en cada cita electoral, que somos un pobo que traspasou as fronteiras e, voluntaria ou involuntariamente, conseguiu amosar alí onde chegaba a súa condición diferencial. Mar Maior terá longa vida se todos a facemos posible e, sobre todo, se as institucións públicas e privadas, dunha vez por todas, asumen que a literatura galega está aí para algo máis ca para cubrir unha dose de pintoresquismo e a cota de lectura en Secundaria.