Pepe Cal

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven noticia do seu pasamento semanas despois de que se producira. Andaba eu fóra do país, e foise como sempre viviu: discreto, xeneroso, sospeito que cun sorriso de agradecemento nos ollos. Agradecemento pola vida e polo cariño dos seus, que sempre o acompañaron. Tiña 92 anos. Alguén dirá que eran anos. E efectivamente son anos, pero nunca moitos para unha existencia tan plena, tan chea de afectos, tan devorcada cara aos demais, en servizo e en solidariedade, e ao mesmo tempo tan discreta, repito. A penas unhas notas nos xornais. Sentín non estar para despedilo e acompañar aos seus: Ita, Antía, Armando, Elena, os sobriños, alá nas caeiras de Domaio, á beira do mar de Vigo.

Coñecémonos nos derradeiros anos 70, coido que da man de Celso Emilio Ferreiro e Alonso Montero, unha tarde que alguén nos levou a casa da súa irmá, Antía Cal, porque disque viñan de Cuba Anisia Miranda e Neira Vilas? Pepe Cal e Ita Atán, a súa dona, estaban alí. Logo foi o pediatra dun dos meus fillos. Varias xeracións de vigueses e viguesas pasaron pola súa intelixencia tranquila, acougante, optimista? «Galeguista e desafecto ao réxime», dicía a ficha policial. A finais dos anos 60, xunto con Antón Beiras (o seu cuñado), Fernando Alonso Amat, os irmáns Noia, Carlos Núñez, Luis Ferreiro e algún poucos máis botaron a andar en Vigo o Partido Comunista de Galicia (PCG), resposta dende a esquerda a un proxecto plural e, ao mesmo tempo, internacionalista e solidario. Carlos Núñez foi ver a Xaime Isla para explicarllo, conscientes todos de estar a deseñar unha estratexia de vasos comunicantes. Algún día había de caer o réxime de Franco.

Volvín ler estes días as memorias de Antía Cal, Este camiño que fixemos xuntos. Pepe era o irmán maior, un ano máis vello ca Antía. Segundo conta a pedagoga no libro, os seus pais, emigrantes en Cuba, viñeran pasar uns días na casa de Muras (Lugo) e alí naceu Pepe. Cando decidiron regresar á illa, Pepe quedou cos avós, coma daquela sucedía tantas veces, en parte para non desapegalo da Terra e en parte para dar compaña e consolo aos vellos. Antía e Armando naceron no Caribe. De regreso definitivo a Galicia (o pai aínda quedaría algún tempo aló), Pepe estaba a agardar por eles no peirao. Tiña dez anos. «Era cuspidiño ás fotografías».

Contra finais dos anos 60 decidiron mercar a caeira de Domaio, unha canteira de pedra enriba da ría, para construír a casa familiar, coma o Mesón de Muras, para vivir os tres irmáns xuntos. Seica Antón Beiras andaba un algo arrepiado, porque foi idea de Pepe: «¿Cómo se che ocurríu meter os cartos todos nesa parede de pedra?». E contestoulle o aludido: «Xa verás cando pase un tempo». E púxose ao traballo de labrar a barranca, domesticala, abrir camiños, esqueiras, árbores, paredes de flores? Levantou a caeira coas súas propias mans coma quen levanta o mundo, debruzado sobre o solpor de Occidente. «Mágoa que Antón non vivise para velo», comentaba. Optimismo, xenerosidade, intelixencia e teimosía. Non doutro xeito se constrúe unha vida.