Errare

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

E rrare humanum est». Non hai dúbida. Todos o facemos, en maior ou menor medida. A locución latina adoita utilizarse coma una escusa, coma se tiveramos que agocharnos na nosa condición humana para xustificar que non sempre estamos no certo. É unha opción, tan válida coma outra. Pero eu preferiría tomala coma un banzo no que apoiarme para poder subir ao seguinte. É dicir, aprender dos erros. Corrixilos. Avanzar. Se non se utiliza así, non serve de nada. E non están os tempos como para desaproveitar oportunidades de mellora, sexan cal sexan. Continuamente estamos buscando culpables. Hai un problema e as miradas xiran ao redor, buscando a quen responsabilizar. Coa fartura de egos alleos que teño, e non hai ninguén deses que continuamente se están mirando o embigo que cando se produce un erro, busque en si mesmo o posible fallo. Accidente de transporte público? O condutor. Propagación dunha epidemia? Un traballador. Créditos irregulares? O xuíz que o investiga. O erro é humano, pero só parecemos ter esta calidade algúns mortais. Hai certos sectores que xamais cometen erros. Son infalibles. Eses que piden as dimisións dos demais, obviamente, nunca erran. Porque sería unha incongruencia. E se o fan, contan cos mecanismos para derivar a responsabilidade a outros sectores. Quen manda, manda. E os demais, uns mandados. Non vou entrar en críticas a protocolos, declaracións, ou comparecencias que son auténticos despropósitos. É suficiente.