Escocia e Cataluña: ¿Por que agora?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

07 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un acordo case xeral na opinión pública española de que o proceso escocés foi máis axeitado do que está sendo o catalán. Na forma de conducirse o debate político e social e na actuación dos axentes determinantes, incluído o Goberno británico... Para a continuación engadir que son casos diferentes. Se non temos opinións tallantes e predeterminadas neste asunto parece interesante preguntarse que impulsa estes procesos, aquí e agora. ¿Quen podía imaxinar algo así no ano 2000? Seguindo un razoamento desprexuízado, haberá que recoñecer que a idea do referendo sobre a independencia en dous territorios históricos europeos é unha novidade histórica. De feito, en ocasións anteriores, o Estado británico nunca se comportou como agora.

Tense escrito moito nas ciencias sociais e na historiografía sobre os procesos de nacionalización e a súa complexidade cultural, política, económica e social. Asumindo esa complexidade, propoño catro factores a ter en conta para explicar o proceso escocés. O lector dirá se son aplicables ao caso catalán, alén de coincidir na mesma época.

1.º O neoliberalismo individualista, desindustrializador e destrutor do Estado do benestar, que triunfou coa revolución conservadora de Thatcher a Cameron, agredindo elementos centrais da moderna idiosincrasia escocesa. Nun país no que hai dous osos panda no zoo, pero só un deputado do Partido Conservador.

2.º Europa e a súa construción política e económica son un factor decisivo neste novo nacionalismo escocés e o seu proceso de construción nacional. No fondo pode ser visto como unha consecuencia do triunfo do europeísmo, infinitamente máis sólido en Escocia que en Inglaterra. Aí reside tamén a diferenza co dramatismo doutras épocas nas que a guerra e o uso da forza daban paso a novas nacións (1789, 1848, 1917). Porque nesta altura xa non é realmente posible construír novos Estados nación en Europa, despois de continuadas cesións de soberanía cara arriba e -en moitos casos- tamén cara abaixo dos Estados existentes, despois do nacemento dunha nova forma transfronteiriza de entender os Estados europeos, que poderíamos identificar coa nova cultura Erasmus.

3.º A aparición de novos nacionalismos políticos, que pouco teñen que ver cos nacionalismos anteriores a 1945 e que están a enterrar o vello nacionalismo de fronteira, mercado, moeda e Exército. Aquel decimonónico contra o que algúns aínda pelexan como se fosen muíños. Novos nacionalismos como o escocés, que propón a independencia mantendo a mesma moeda (fora esta libra ou euro), o mesmo Exército, a mesma política internacional e aínda a mesma Coroa, nunha Unión Europa que xa é sen fronteiras. Están innovando como tamén innovou, non sen risco, o Goberno británico.

4.º A globalización económica e cultural diminuíu a estremos ridículos os mercados nacionais, pero tamén impulsou a reacción das identidades locais como un fenómeno global ben coñecido e estudado, á vez que acelerou a difusión de coñecementos e uniu en redes o mundo enteiro.

¿De que independencia falamos? Pero falemos, mellor en inglés que en castelán.