Educar a sociedade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A estas alturas, deberiamos ter claro que as sociedades non só evolucionan por elas mesmas. Inflúe no se avance, e moito, a educación que lles deamos. ¿Como? Pois con todos os medios posibles. Por unha banda está a educación, que se transmite dentro da familia, o banzo primeiro, é a máis importante. Non a descansen, por esa mesma razón, nos colexios, que tamén teñen a súa responsabilidade, pero non só os mestres deben educar... Na escola ensínase, na casa edúcase. ¿Non teñen escoitado o dito ese de: foi á universidade, pero a universidade non pasou por el? Pois máis claro, auga. Logo está toda a educación que as demais institucións, administracións, e grupos dean ao pobo. Hai nada remataron as festas da miña vila. Ninguén as entendería sen o pregón, cousa que está de moda nos últimos tempos. Pero hai unha curiosidade. En Cee non serían festas da Xunqueira se non actuase a banda de música. Varias bandas, mellor. A mediodía e pola noite. Nenos, mozos e maiores, escoitan ao aire libre as distintas agrupacións que veñen. E cando fan o paseo, e saúdo, ao redor da alameda, a xente emociónase, érguese para aplaudirlles, e bérranlle ¡bravo! Acompáñanos dunha punta á outra da praza, ao ritmo da música. Que queren que lles diga... a min emocióname un chisco. E isto, é froito de moitos e moitos anos insistindo na importancia da música. Coma o fan co teatro, e outro tipo de actividades culturais. Pódese educar. Condenando o delito e promovendo a cultura. Tomen nota os responsables de ambos.