O ministerio de Gobernación deseñara a Operación Lucero para garantir a orde pública despois da morte de Franco, pero non houbo máis que celebración e loito; porque, se é verdade que o 20N se acabou o champán en Madrid, tamén o é que centos de miles de persoas pasaron ante o cadaleito do Caudillo, nunha última manifestación de admiración.
O funeral celebrado o día 23 na praza de Oriente, e o paso do cortexo fúnebre pola cidade -con Arco do Triunfo na Moncloa- antes de se dirixir ao Val dos Caídos, estiveron perfectamente organizados. E, sen embargo, a imaxe que daquel funeral gardamos na memoria non é a da gran parada militar, nin a da viúva emocionada, nin a dos ex combatentes cantando o Cara al sol, nin a de Rainiero -único xefe de Estado europeo que asistiu-, nin a do rei Huseín de Jordania, nin a do vicepresidente de EE. UU., Nelson Rockefeller; senón a da primeira dama filipina, Imelda Marcos, montando a perna, e, a carón dela, Pinochet envolto nunha inmensa capa. Por certo, Pinochet, a quen Franco concedera «la Gran Cruz al Mérito Militar de España», aproveitou para verse en Madrid co neofeixista italiano Stefano Delle Chiaie, que lle prestou varios sinistros servizos.