Legalidade, moralidade, responsabilidade

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

17 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Dúas cousas enchénme a mente cun sempre anovado e acrecentado abraio e admiración por moito que reflexione sobre elas: o firmamento estrelado sobre min, e a lei moral dentro de min». Esta reflexión, tomada da súa «Crítica da razón práctica», figura esculpida en alemán e ruso na placa situada xunto á tumba de Kant, un dos escasísimos monumentos alemáns que os rusos conservaron tras a anexión de Königsberg, hoxe Kaliningrado, á Unión Soviética. O filósofo prusiano foi, moi probablemente, quen máis reflexionou sobre a legalidade no seu sentido moral. Kant distinguíu entre legalidade, que é a actuación que ten lugar segundo o previsto nas leis; e moralidade, que é a determinación da vontade que ten lugar por amor á lei. Deste xeito non se podería falar con rigor da moralidade das accións, senón da legalidade (ou ilegalidade) das accións; mentras que a moralidade se referiría, esclusivamente, ás intencións. Pero esta conclusión, como lembra Ferrater Mora, suscita máis dun problema. Conleva, por exemplo, que aquela persoa que se comportase dacordo coa legalidade non tería por qué actuar de xeito moralmente correcto se o fai polo temor que lle producen as sancións. Pero, sobre todo, polo feito de que podería existir unha legalidade á marxe da moralidade; e unha moralidade á marxe da legalidade. E como a lei moral é pura, estaríamos xustificando a existencia de individuos que estarían infrinxindo constantemente as leis pero seguindo as súas propias e puras intencións morais. Para solucionar este problema, Kant inclúe a conciencia da legalidade dentro da conciencia da moralidade, de xeito que comportarse dacordo coas leis sempre é actuar moralmente; quedando no ámbito do estritamente moral a regulación dos comportamentos que non están contemplados na lei. Hoxe e aquí, as leis son o resultado da vontade popular. Ao cumprilas, as persoas actúan dacordo cunha legalidade que conleva a cualificación desa actuación como moralmente correcta. É posible que algúns individuos poden ser máis esixentes en termos morais á hora de esixir responsabilidades, especialmente as personais pero tamén as políticas, por razóns alleas á legalidade. Pero nunha sociedade democrática, na que a lei expresa a vontade maioritaria imperante e polo tanto o conxunto de normas morais esixibles aos cidadáns e aos seus representantes electos, elevar o listón da esixencia moral pública por riba das esixencias legais resulta, cando menos, problemático: qué criterio ou lei moral aplicamos a todos por igual? Recurrimos a algunha norma relixiosa? A cal? Ao código moral do lider dunha facción partidaria? Ou a opinión dalgún xurista ou deportista relevante? É moralmente aceptable queimar no lume redentor da reprobación mediática a quen cumprindo as leis non ten un comportamento moral á marxe da lei democrática? E é que, salvo que nos enredemos no mesmo xardín que Kant (pero sen selo), o razoable no contexto dunha sociedade plural e democrática é esixir o cumprimento das leis. E se estas non nos parecen suficientemente esixentes desde a perspectiva da moral, o que compre é reformar a ley. Nunha sociedade libre e plural, e no ámbito público, a moral non ven determinada polo imperativo moral individual, senón polo que determina libremente a cidadanía a través do proceso democrático. Incrementar o nivel de esixencia por riba do legalmente previsto é, nin máis nin menos, que unha forma de impoñer o criterio moral propio sobre o do conxunto da sociedade. E é que a razón e as pasións humanas poden determinar a existencia de tantas leis morais como estrelas poden verse, por fin neste anubado e galaico verán, no firmamento. Universos morais e firmamentos estrelados que producen abraio e admiración, e debate, tanto nos tempos de Kant, coma nos nosos, ou nos vindeiros.

Kant inclúe a conciencia da legalidade dentro da conciencia da moralidade