Círculos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ás veces penso que a vida é coma un círculo. Ou cando menos, que estamos completamente rodeados deles, e lle damos a súa forma a elementos tan importantes coma a terra, a lúa ou o sol (¡nin máis nin menos!) para representalos. Debe ser por iso que o círculo é a forma máis enigmática de todas, considerada perfecta polos nosos antepasados. A direccionalidade é a curva, asociada ao movemento, ao encadramento, á repetición e á calor.

De pequena gustábame colorear círculos. Era un reto levar todo o tempo o lapis de cor ao extremo, sen saírme da liña da circunferencia, loitando contra as arestas da pintura, porque non podía deixar ningunha... o círculo estragaríase.

Vivimos entre círculos. Os da familia, os amigos... Non sabemos cando se abren, pero unha vez pechados, semellan un muro infranqueable. Imposible atravesar a liña. ¡Xa non falemos dos círculos do amor/desamor! Os máis complexos. Quizais de aí o costume de representar os espazos pechados e herméticos con círculos.

A sociedade está ateigada de círculos, posiblemente os que menos comprendo. Baséase na cooperación e comunicación, pero entre os distintos círculos, estes dous conceptos andan en guerra... Só compiten, separan.

Círculos curiosos. A súa forma produce movemento de rotación, e ten un valor simbólico, especialmente o centro. Atribúenselle características de protección, totalidade, movemento continuo ou infinidade.

Os bicos son círculos que pechan as bocas dun amor tamén redondo, sen espiñas.