Abraza a

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

14 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Contra o frío de agosto, que sentes como cristal navalla vidro na alma; contra a data de caducidade do gozo; contra a soidade, tan acompañada. Contra todas as maldades, abraza a (?) Aos próximos, que están contigo cando ti precisas alento. Abraza aos amigos, que son eses que non faltan. Abraza os bos recordos, cando o olvido rabuñe. Aos que non coñeces, porque no descoñecido habita unha oportunidade. Abraza aos que te abrazan, queren, aman e acariñan. Aos que dan leccións de supervivencia mirándote. Aos que sosegan e salvan. Aos outros, homes e mulleres que son o teu espello, seres feridos que habitan realidades paralelas: esa vida que transita as camas dos hospitais. Abraza a memoria, as risas, o atrás e o que quede por diante. Abraza as ilusións, porque sen elas a luz é penumbra. A esperanza, que é esa parte indispensable, calor, lume, pan de cada día. Abraza con optimismo aos optimistas e pídelles consello para saír do túnel, os túneles, o túnel, os túneles. Abraza para soster, pero tamén para poder sosterte. Para apoiar, pero tamén para apoiarte. Abraza á lúa, cómplice de todos os amores imposibles. Abrázate a ti, porque sen os teus propios abrazos non alcanzarás felicidade. Abraza o silencio, ou o ruído. Non deixes para mañá o que poidas abrazar agora mesmo. Agora, digo, cando a serenata sentimental de cada xoves toca os últimos compases. Abraza, persevera, tenaz e resistente. Non hai nada que poida consolar máis que un tenso, penetrante, sincero abrazo. Eu quería escribir abrazos e non palabras. Para ti. Para quitar a dor das ausencias. Para que non sufras máis, nunca máis, nunca máis. Para que levantes o muro inquebrantable da alegría. Abraza a (?) contra o frío de agosto.