Técnica e economía

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

12 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Moito levo escoitado estes días sobre os enxeñeiros de camiños. Debe ser que un se acorda da xente cando as tornas se volven malas. Os accidentes de tráfico fan lembrar as persoas que deseñan e constrúen as vías. O primeiro, coma sempre, é pedirlles responsabilidades. Pero non está mal de todo, porque así chegamos a ser conscientes de como funcionan as obras.

Os proxectos están moi ben. Estúdanse, discútense, valóranse... pero non debemos esquecer que a enxeñaría, coma tantas outras cousas, está ao servizo da sociedade, pero tamén da economía que posúe e move esta. Quen a distribúe, e como o faga, déixoo á elección de cada un de vostedes, eu simplemente lembro que non se pode facer nada se non hai cartos que o paguen. Conclusión, os presupostos determinan a técnica.

Unha vez coñecido o dato, a quen se lle teñen que pedir responsabilidades é a todos os que conforman o ciclo da construción. Créanme que, cos presupostos dos que se dispoñen, os técnicos enxéñanse (vén a palabra ao caso) a mellor opción, prevalecendo a seguridade. Se se acusa aos enxeñeiros de prestar pouca atención á estética é precisamente por iso, pola falta de soporte económico. Pode que o medio ambiente non sexa o máis favorecido, pero ante a seguridade, non hai dúbida.

Con todo, os cartos dan o que dan, e estiran ben pouco. E non pensen que se gastan nos soldos dos técnicos, que xa lles digo eu que, se teñen traballo, cobran moito menos do que un enxeñeiro hai quince anos.

Malos tempos nos tocan.