Abandonar o insubstancial: a nada. Despreocuparse de accesos e accesorios. Recomendar esencias, agora que todo (case) é superficie. Camiño estes días pola corda frouxa do silencio, calado persigo luces que acariñen e conforten. Quedan a familia e os amigos cando non queda apenas o inasible. Os que te queren, os que queres: aquí reside o resumo feliz de cada día. Vivimos distantes de todos os lugares que engrandecen á humanidade. As palabras deixaron de ter valor: ganaron as imaxes. Os abrazos de carne son substituídos polas mensaxes electrónicas. A risa compartida é un asunto virtual: eliminado o cara a cara, pel a pel, poros. Están pechando a cidade dos soños. Os proxenetas do século XXI son os realistas que xa non piden o imposible: roubáronnos as ilusións. Soñamos menos porque todo é tan real que nos escurece, obtura, afoga. En realidade, vivimos outras vidas en lugar da nosa: perdidos entre personaxes que non son modelo nin paradigma, senón as sombras que Platón debuxou no lugar da caverna. Regresemos ao fundamental: vivir. Esencialmente. Volvamos a cabeza cara ao simple, diáfano, claro e transparente. As cousas pequenas. O ir e vir de cada día. Os detalles. Os afectos. Deixemos de ser aparentes: representar o papel que outros asignaron ao noso nome e apelido. Vivir, felizmente, é a suma das emocións e das estimas. Sobra o resto. Sigo encontrando repouso nos libros. E cada vez escribo menos. Quizá a elegancia verdadeira consiste en non dicir, calar, non responder, ausentarte. Desaparecerte. Non hai maior fortuna que as persoas que amas. Nada máis importante, repito. Para saber que estamos vivos debemos achegarnos a elas, eles. E vivir, por fin. O resto é insubstancial. Nada.