Pecha o grifo mentres lavas os dentes... -repito cal ladaíña.
Esa auga que corre, que pasa? -interrogo logo.
Podo ver os sorrisos resignados de quen me oe. Xa me dan por imposible. Unha das miñas cruzadas persoais, pensarán. Coma a da reciclaxe, ou mil máis. Cada quen ten as súas manías. Unha das miñas, é esa. A de reducir o gasto dos recursos naturais no que poida. En xeral, a xente rise, pero ás veces, dáme a razón.
En Muxía, unha fuga tóxica mantén á vila nun estado de incomodidade total. Danouse a rede de abastecemento, e aínda que os traballos se iniciaron con rapidez, todo leva o seu tempo.
É necesario baleirar a rede, limpala, e por fin, encher de novo os depósitos. Xa levan dous millóns de litros de auga, pero aínda non son suficientes. Por iso, os veciños só poden utilizar auga estes días para necesidades básicas. Nada de excesos. Supoño que agora si farán caso de pechar as billas mentres un pasa o cepillo dos dentes polas distintas pezas, e non deixarán correr a auga antes de entrar na ducha mentres un atende ao teléfono ou decide que roupa poñer despois. Porque agora si nos decatamos do importante que é a auga, do necesaria e imprescindible, e do sinxelo que é provocar un problema se non a coidamos. Unha neglixencia, un vertedoiro incontrolado... e unha poboación enteira prexudicada.
Mágoa que dentro duns días xa o esquezamos todo, e a auga volva correr polas billas sen control. Total, en Galicia chove tanto!
Non deixemos que a memoria sexa fráxil para a prevención.