Ser maioría

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando ía en 4.°, púxose de moda xogar á corda no patio e, como pasa coas modas cando xorden, houbo un momento inicial de déficit no que vin unha clara posibilidade de facerme co liderado da clase. Así que unha tarde de xoves, fomos mercar unha corda. Pensaba no golpe de efecto de ofrecer un servizo tan necesario en venres, co que os compañeiros botarían a fin de semana pensando na miña bondade e eu gañaría a gloria para sempre. Pero en canto cheguei ao cole, vin o equivalente infantil da eficacia institucional: a profe mercara cinco cordas que me dicían, coa súa agresividade de esparto, que o único reparto xusto do uso das cordas viría de asumila a ela coma o ser máis magnánimo do noso diminuto mundo de liortas. Velaquí a lembranza ao ler o manifesto «Somos maioría», benintencionado coma a miña vocación de levar unha corda máis á escola, pero tan curtopracista que non asume a lección da profe: as revolucións non triunfan se non se fan desde os espazos aceptados colectivamente como regra do xogo para gobernármonos. Claro que cómpre renovar as estruturas institucionais, pero é unha falacia dicir que son máis cidadáns quen viven alleos aos partidos políticos. A fin de contas, algúns dos cidadáns que os nutren asinan o manifesto. Neses casos, renunciar ás súas siglas sería, creo, o exemplo de honestidade que, precisamente, a cidadanía bota en falta na clase política. Quizais as modas discursivas afectan á política coma aos xogos infantís. Pero eu, que creo no sistema institucional democrático igual que cría na sabedoría da miña profe de 4.°, quero pensar que os partidos aínda poden ser alternativas aos caudillos aparentemente benintencionados.