Entre inquisidores e talibáns

OPINIÓN

21 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nas Cortes franquistas, con ocasión da discusión da Lei Villar Palasí de 1970, Filgueira Valverde pronunciou un moi ben traballado discurso en defensa do ensino en galego, no que, seguindo ao Padre Sarmiento, dixo que os nenos galegos tiñan que ser redimidos da «bárbara costumbre» e da «necedad inaudita» de ensinar «otra lengua en otra lengua». E pediu que se aprobase a norma que posibilitase o ensino en galego, e que, en tal caso, «en la lengua de los niños gallegos yo os diría: ?Deus volo premie. Mellor ben non podiades facernos?» (Diario de Sesións do 16 e 17 de abril de 1970).

Filgueira Valverde foi elixido polo terzo familiar, non nomeado polo réxime: obtivo 107.766 votos dun total de 172.205 votantes. Foi alcalde de Pontevedra dende 1959 a 1968. E negouse sempre a facer o saúdo fascista. Ben o expresa unha foto de 20 novembro 1961, na conmemoración do Día dos Caídos, na que se ve que todas as autoridades da primeira fila saúdan á romana agás Filgueira e o fiscal xefe, Cándido Conde-Pumpido.

Nunca compuxo poemas en gabanza de Franco ou das forzas represivas do réxime, nin pertenceu á Fiscalía de Taxas, nin estafou a ninguén, nin arengou ás masas dende o balcón do Goberno Civil en patriótica demanda de «Gibraltar español», como algúns esquerdistas ben coñecidos e festexados polas súas tribos. Preferiu tecer unha obra realmente xigantesca, como poucas entre nós.

Todo iso ocúltano os seus inquisidores con clara deshonestidade intelectual, non sempre por ignorancia. ¿Haberá en España algún talibán ou inquisidor que se negue, por exemplo, a homenaxear a Quevedo e a súa inmensa categoría literaria por desacordo coa súa conduta ou as súas ideas? Claro que non. Pero si en Galicia, para vergonza de todos. Unha verdadeira tristura.